O alumnado do IES de Quiroga contribúe ás labores de reforestación de Paradapiñol

O alumnado de 3º da ESO do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga participou este xoves nunha xornada ambiental na serra de Paradapiñol, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Terra. A iniciativa centrouse na plantación de árbores nunha zona especialmente afectada polos incendios do pasado verán.
A actividade enmárcase nas propostas impulsadas pola biblioteca do centro dentro do chamado pasaporte solidario, un programa que busca implicar ao estudantado en accións de recuperación ambiental e compromiso social. Neste caso, o obxectivo foi contribuír á rexeneración dun espazo natural duramente castigado polo lume.
Durante a xornada plantáronse aciñeiras coa colaboración do concelleiro de Medio Ambiente, Luis Manuel Arias. Non é a primeira actuación deste tipo na zona, xa que meses atrás desenvolveuse outra campaña de reforestación na que se introduciron centos de exemplares de distintas especies arbóreas e arbustivas.
A programación completouse cunha visita aos fornos de cal de Cereixido e ao teixo centenario da zona, considerado unha das árbores senlleiras de Galicia, co que o alumnado puido achegarse tamén ao patrimonio natural e cultural do municipio.