O alumnado de Monforte celebrou o ano novo das árbores, unha tradición xudía

RibeiraSacraXa
O alumnado de Monforte celebrou o ano novo das árbores, unha tradición xudía que fomenta o respecto polo pobo sefardí
Ano novo das árbores Monforte
Ano novo das árbores Monforte
28 feb 2023

O alcalde de Monforte protagonizou unha actividade que representa a conmemoración dunha festa xudía moi simbólica, sobre todo, para as poboacións agrícolas: o novo ano das árbores.

A actividade, enfocada aos rapaces, consistiu en dar as grazas polos produtos que envía a natureza, e para mostrar este agradecemento, plantaron unha árbore e ofreceron améndoas, pasas e dátiles, que é a fórmula tradicional.

Os colexios que participaron da iniciativa foron Os Escolapios, Torre de Lemos e Ferroviario, que acudiron cos rapaces a plantar a árbore e desfrutar dos froitos secos que repartiron os membros do goberno que estaban presentes, unha vez terminada a actividade de plantación do olivo.

"No Parque dos Condes agora lucirá para sempre unha homenaxe á natureza como agradecemento a todo o que nos dá", explican.

Capital da Rede de Xuderías en Monforte

Este ano, que a capitalidade da Rede de Xuderías recae en Monforte de Lemos, estase a potenciar aínda máis se cabe as accións e actividades que axuden a potenciar o legado xudeu que Monforte herdou, por iso esta é unha nova iniciativa que se pon en marcha dende o Concello para difundir e poñer en valor a riqueza cultural sefardí.

Desde o Concello de Monforte explican que son "conscientes do labor formativo multidisciplinar que se fai nos centros educativos e coñecedores de que as actividades grupais da contorna lectiva constitúen unha oportunidade para a adquisición de competencias imprescindibles no desenvolvemento dos alumnos".

Por isto, o alcalde invitou aos colexios a desfrutar desta iniciativa como unha fórmula de divulgación da festa "que poida achegar aos rapaces ao coñecemento da herdanza que nos deixaron as comunidades xudías nas cidades e pobos que habitaron", argumentan.

Ademais, defenden que é importante "fomentar entre eles valores de respecto hacia todas as culturas e tradicións".