O alumnado da Pobra de Trives achegouse á construción de instrumentos tradicionais a través do programa Artesanía na Escola

RibeiraSacraXa
A actividade estivo a cargo do artesán Xosé Manuel Sanín, responsable do obradoiro Sanín Percusión Tradicional, de Santiago de Compostela
artsania-na-escola-trives
12 May 2026

O alumnado do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives participou este luns nunha demostración sobre construción de instrumentos tradicionais de percusión organizada pola Fundación Artesanía de Galicia dentro do programa divulgativo Artesanía na Escola.

A actividade estivo a cargo do artesán Xosé Manuel Sanín, responsable do obradoiro Sanín Percusión Tradicional, de Santiago de Compostela, quen achegou aos escolares o proceso de elaboración de instrumentos emblemáticos da música tradicional galega, como a pandeireta. A sesión serviu como continuación da unidade didáctica “Eu son artesán de percusión tradicional”, centrada na difusión deste oficio artesanal entre os máis pequenos. Durante a demostración, Sanín explicou os materiais empregados na fabricación destes instrumentos, así como o seu proceso de construción, ao tempo que afondou na historia da pandeireta e no papel que desempeña dentro da cultura galega e do patrimonio inmaterial.

O programa Artesanía na Escola está impulsado pola Xunta desde o ano 2023 co obxectivo de achegar os oficios artesanais ao alumnado dos centros educativos galegos e fomentar o coñecemento dos valores asociados á artesanía. Entre as finalidades desta iniciativa figuran a divulgación dos oficios artesáns como parte do patrimonio cultural e tamén como actividade económica, a posta en valor do produto feito á man e da figura do artesán como creador e transmisor de coñecemento, así como a difusión dos saberes tradicionais e dos novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea. O proxecto tamén busca promover valores relacionados co consumo responsable, a produción local e sostible e a economía circular, ademais de contribuír a longo prazo á remuda xeracional nos oficios artesanais.

0.13237690925598