O alcalde de Quiroga protesta polos cortes no servizo de internet e telefonía móbil
O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, presentou unha reclamación ante a compañía Movistar polo corte de cobertura sufrido na tarde do domingo no servizo de internet e telefonía móbil. Julio Álvarez considera que non se pode permitir que esta operadora tivese ao municipio durante seis horas incomunicado (entre as catro da tarde e as dez da noite).
Esta incomunicación coincidiu con que na vila de Quiroga se atopaban máis de 5.000 persoas ao coincidir o momento do corte do servizo coa celebración da proba Quiroga Trail Challenge, á que acudiron máis de 1300 corredores acompañados das súas familias.
O rexedor local anunciou que tomará todas as medidas legais oportunas contra esta compañía por este “nefasto servizo”, que se leva producindo dende o mes de setembro do 2021 cando se produciu o gran incendio dos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Pobra de Brollón que afectou ás antenas de telefonía.
Julio Álvarez afirma que é inconcibible que despois de tanto tempo unha das compañías de telefonía máis importantes do país non sexa capaz de solucionar os seus problemas de cobertura e que a veciñanza teña que sufrir continuamente cortes nun servizo que paga.
Por todo isto, o rexedor local esixe que a compañía solucione canto antes os problemas que impiden que Quiroga teña o servizo que cada usuario ten contratado e polo que ten que abonar a súa correspondente cota.