O alcalde de Monforte cualifica o Festival do Viño da Ribeira Sacra 2023 como o "mellor dos celebrados ata a data"
O equipo de Goberno de Monforte valorou a edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2023, edición que “supuxo un paso adiante definitivo na consolidación deste evento de promoción nunha tripla dimensión como é a promoción do viño da D.O. Ribeira Sacra, a promoción de Monforte como capitalidade da comarca, e da promoción do conxunto da Ribeira Sacra, e todos aqueles elementos que acompañan o mundo do viño”, sostivo o alcalde, José Tomé.
Neste senso, o rexedor cualificou a edición de 2023 como a mellor das celebradas ata a data, resaltando “a asistencia masiva de público, que podemos calificar de excelente e pola que pasou tanta xente polo recinto do Festival durante os tres días como poboación ten Monforte no casco urbano, que é unha cifra enorme nun espazo limitado de tempo”, unha cifra que se estima en arredor de 15.000 persoas.
Outro dos aspectos nos que se sustenta o éxito da 5ª edición deste Festival do Viño son as cifras de ventas acadadas: “Vendéronse uns 10.500 tíckets sen ter en conta as vendas directas en botella, que tamén é unha cantidade considerable, o que supón un 61 % máis que en 2019, o que dá unha idea do crecemento do Festival”, salientou o alcalde.
No mesmo senso, as ventas no número de copas aumentaron nun 40 % con respecto á edición de 2022, o mesmo que os portacopas, que aumentaron nun 44 %. O rexedor monfortino tamén subliñou que o total de artigos vendidos, que se incrementou nun 55 % con respecto a outras edicións.
Compromiso das 30 adegas participantes
José Tomé resaltou na súa intervención “o compromiso das 30 adegas que estiveron presentes e a satisfacción que me fixeron chegar pola excelente organización do conxunto do Festival” e engadiu que “xa houbo algunha adega das de maior tamaño da D.O. que este ano non puido estar presente, e que xa me fixo chegar o seu interese para participar na próxima edición de 2024”.
Tamén, o rexedor monfortino agradeceu expresamente “ao Consello Regulador a súa colaboración e sobre todo á xente do mundo do viño, que colaboran masivamente co Festival en datas de moito traballo para as adegas, e polo tanto, supón un esforzo engadido a súa presencia no Festival do Viño, onde como eles ben saben o único que pretendemos é ser un evento de promoción do noso viño máis aló das fronteiras de cada Concello, máis aló da nosa provincia, de Galicia ou do resto do Estado”.
Dende o equipo de Goberno monfortino, concluíu o alcalde, “xa estamos traballando na próxima edición do Festival, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de xullo de 2024, que é o primeiro fin de semana completo do mes de xullo e pretendemos seguir mellorando para as próximas edicións, que xa está collendo unha dimensión realmente importante”.