O Aeródromo de Monforte será unha das paradas da Vuelta Aérea Internacional Aerodreams 2026

RibeiraSacraXa
A cita reunirá 16 aeronaves ultralixeiras e preto dunha trintena de participantes nun percorrido por España e Portugal que parará en Monforte o 15 de maio
aerodromo-monforte
9 May 2026

O Aeródromo Municipal de As Lamas, en Monforte de Lemos, formará parte do itinerario da Vuelta Aérea Internacional Aerodreams 2026 (VAIA 2026), unha travesía aérea que se desenvolverá entre os días 14 e 18 de maio por distintos puntos de España e Portugal. A parada en Monforte terá lugar o venres 15 de maio.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que as melloras realizadas recentemente nas instalacións municipais influíron na elección da cidade como unha das sedes da ruta. Segundo sinalou, “as excelentes instalacións do noso Aeródromo, remodelado o pasado ano, foron determinantes á hora de incorporar a nosa cidade no itinerario desta Vuelta Aérea”.

Na edición deste ano participarán 16 aeronaves ultralixeiras e 29 persoas, nun percorrido que partirá desde Benavente e continuará por distintos puntos da Península. Tras facer escala en Portugal, a expedición chegará a Lugo e posteriormente a Monforte, onde está prevista a pernocta dos participantes e acompañantes.

Desde o Concello consideran que esta parada pode ter repercusión positiva sobre sectores como a hostalaría, o comercio e o turismo local. O rexedor subliñou ademais que o aeródromo “é un referente para clubs aéreos de toda España e tamén de Portugal ou Francia, co impacto positivo que isto implica na promoción do noso municipio e o conxunto da Ribeira Sacra”.

Os organizadores da volta aérea, Jackie e Paulo, explicaron que a elección de Monforte tamén estivo vinculada á recente modernización da pista e das instalacións. “A recente mellora da pista local” converte a visita “nunha oportunidade de reencontrarse cun lugar que segue evolucionado”, apuntaron.

O aeródromo de As Lamas experimentou o pasado ano unha actuación de mellora cun investimento superior aos 260.000 euros. Os traballos incluíron a pavimentación da pista e a adecuación dos accesos e da contorna da infraestrutura.

Esta instalación, autorizada como campo de voo desde 2012 e como aeródromo desde 2015, mantén actividade durante todo o ano e recibe aeronaves procedentes de diferentes puntos de Galicia, do resto de España e tamén doutros países como Portugal e Francia. Ademais de servir para voos deportivos e recreativos, tamén é empregado por empresas vinculadas a traballos técnicos, reportaxes aéreas ou operacións con drons.

José Tomé avanzou tamén que o aeródromo acollerá proximamente “un evento de gran transcendencia no mundo aeronáutico e que porá a Monforte no centro deste deporte”.

 

0.1368989944458