Nogueira de Ramuín acolle unha tarde de danza e tradición arredor da eclipse nas Mámoas de Moura

As Mámoas de Moura, en San Xoán de Moura (Nogueira de Ramuín), converteranse este mércores 12 de agosto nun escenario para observar a eclipse solar e, ao mesmo tempo, gozar dunha proposta artística vinculada coa contorna e coa historia do lugar.
A actividade, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Ecos de Moura coa colaboración de SóLODOS e o apoio do Concello de Nogueira de Ramuín, comezará ás 19.00 horas e combinará a observación do fenómeno astronómico con dous espectáculos de danza contemporánea e un relato creado especificamente para a ocasión.
A programación incluirá “Mover Cenizas”, unha creación e interpretación de Maruxa Salas e Erick Jiménez, con música de John Axiom. A proposta parte da idea da cinza como resto da destrución e do deserto, pero tamén como representación do que permanece e se transforma. A obra formula así un percorrido arredor do presente, o renacemento e a continuidade do camiño vital.
Tamén se representará “A Raiz de”, de Daniel Rodríguez Cía., con creación e interpretación do propio Daniel Rodríguez. Neste caso, o corpo convértese no elemento desde o que recuperar historias do pasado e establecer un diálogo entre tradición e contemporaneidade.
A xornada contará ademais coa participación de Gloria Sánchez Soto, que ofrecerá un relato creado especialmente para este encontro.
A actividade desenvolverase a partir das 19.00 horas nas Mámoas de Moura, en San Xoán de Moura, nun espazo arqueolóxico desde o que a organización propón observar o ceo e o fenómeno astronómico desde un lugar marcado pola súa antigüidade e simbolismo. A organización repartirá gafas homologadas para a observación da eclipse, ata esgotar as existencias.
A iniciativa busca así unir a observación da eclipse cunha programación cultural nunha contorna na que, como sinalan os organizadores, outras xeracións tamén levantaron a vista cara ao ceo para contemplar os mesmos astros.