‘Ningún Aro Sen Rede’ xunta baloncesto e reciclaxe nunha ruta educativa por catro concellos de Lugo

LugoXa | RibeiraSacraXa
Unha iniciativa que combina deporte e sustentabilidade levou charlas sobre reciclaxe de material escolar a centros educativos de Lugo, O Saviñao, Monforte de Lemos e Antas de Ulla durante a primeira semana de novembro
'Ningún Aro sen Rede' Lugo
9 Nov 2026

Catro concellos da provincia de Lugo foron escenario, durante os primeiros días de novembro, dunha rolda de visitas escolares centradas na reciclaxe e na educación ambiental, enmarcadas na iniciativa ‘Ningún Aro Sen Rede’. O proxecto, que chega xa á súa quinta edición, propón aos máis novos unha forma distinta de achegarse á sustentabilidade: a través do baloncesto.

A primeira cita tivo lugar o 2 de novembro no Colexio Diocesano María Auxiliadora, na cidade de Lugo, onde se presentou a proposta ao alumnado de 4º de Primaria. Durante o acto estivo presente Máximus, a mascota do club Breogán, que se sumou a esta primeira xornada da tempada.

Ese mesmo día, a actividade trasladouse ata Escairón, no concello do Saviñao, onde participaron alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria, ademais de 4º da ESO, do CPI Dr. López Suárez. Este centro conta xa cun punto de recollida para material de escritura en desuso, situado xunto á entrada do comedor, pensado para que toda a comunidade escolar poida colaborar.

Dous días despois, o 4 de novembro, foi a quenda do Colexio Padres Escolapios de Monforte de Lemos, onde o alumnado se implicou na recuperación de bolígrafos, rotuladores e outros útiles de escritura xa inservibles.

O percorrido pechouse o 5 de novembro no CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla, que se incorpora así como nova parada dentro deste proxecto itinerante por centros educativos da provincia.

Unha quinta edición con novas incorporacións

Estas primeiras visitas dan o pistoletazo de saída a unha edición especialmente sinalada, xa que o proxecto cumpre cinco anos de percorrido. Nesta ocasión, recupéranse centros que xa participaran en edicións anteriores e súmanse sete colexios novos, co obxectivo de alcanzar preto de 50 centros educativos de toda a provincia ao longo da tempada.

A iniciativa está promovida conxuntamente pola Fundación Breogán e a Oficina Verde da UNED de Lugo, e conta coa colaboración de Ecoballution. O seu plantexamento consiste en transformar a recollida de material escolar usado nunha actividade colectiva que une as aulas co deporte e co coidado da contorna.

Tras este primeiro tramo por catro concellos lucenses, o proxecto continuará ampliándose a outras localidades, sumando progresivamente novos centros a unha proposta que, despois de cinco anos, segue a apostar por ensinar sustentabilidade a través do traballo en equipo.

0.27318811416626