Nace a asociación Pola Defensa do Territorio para promover a protección do rural galego

A asociación Pola Defensa do Territorio presentouse este domingo en Chantada nun acto público no que deu a coñecer os seus obxectivos e liñas de actuación diante de ducias de veciños e veciñas. A entidade, de ámbito autonómico e con especial atención a Chantada e á súa contorna, nace coa finalidade de defender o medio rural fronte a proxectos que, segundo os seus promotores, poidan afectar ao benestar das persoas, dos animais e do territorio. Ademais, manifestou a súa vontade de colaborar con outros colectivos que compartan os mesmos fins.
Durante a presentación, a presidenta da asociación explicou que a entidade xorde nun contexto marcado polo despoboamento, o envellecemento e o abandono do medio rural, circunstancias que, ao seu xuízo, fan necesario impulsar un modelo de desenvolvemento que favoreza a permanencia da poboación nas aldeas.
Na súa intervención, defendeu que ese modelo "non pasa por instalar aeroxeradores de última xeración a escasos 300 ou 600 metros de vivendas e explotacións gandeiras, como se pretende nalgúns casos". Tamén sinalou que a asociación pretende converterse nunha voz común na defensa do territorio e na promoción dunha transición enerxética que considere compatible co futuro do rural galego, ao tempo que animou ás persoas que compartan estes obxectivos a sumarse ao proxecto.
O encontro serviu tamén para dar voz a distintos colectivos afectados por proxectos enerxéticos. Veciños de Esmeriz relataron a súa experiencia tras máis de vinte anos convivindo con parques eólicos na contorna, explicando os efectos que, segundo indicaron, tiveron estas instalacións sobre o territorio e a vida cotiá.
Pola súa banda, representantes da veciñanza do Saviñao expuxeron as actuacións que están a desenvolver para opoñerse á instalación de aeroxeradores nas proximidades de vivendas e explotacións gandeiras. Durante a súa intervención aseguraron tamén que as compensacións económicas ofrecidas non coinciden co importe que finalmente perciben, debido ás obrigas fiscais e, nalgúns casos, á necesidade de darse de alta como persoas traballadoras autónomas para acceder a eses ingresos.
Na xornada participaron igualmente veciños e veciñas de Pesqueiras, que informaron sobre a situación dos proxectos das plantas de almacenamento con baterías de litio Belesar I e Belesar II. Entre as cuestións expostas citaron a súa preocupación polo risco de incendios de difícil extinción, o ruído derivado dos sistemas de refrixeración das baterías previstas a uns 120 metros dalgunhas vivendas, o posible impacto das emisións electromagnéticas, a ocupación de terreos agrícolas e gandeiros e a incerteza sobre a procedencia da auga necesaria para o funcionamento das instalacións e a súa posible incidencia nos pozos utilizados pola veciñanza e as explotacións.
Segundo trasladaron as persoas asistentes ao acto, estas cuestións están a incrementar a preocupación e a incerteza sobre o futuro das comunidades rurais afectadas por este tipo de proxectos.