Música, artesanía e tradición danse cita este domingo na Festa Etnográfica de Loñoá

O Concello do Pereiro de Aguiar celebrará este domingo, 12 de xullo, a VII Festa Etnográfica, unha cita que converterá a Praza de San Antonio e a súa contorna nun espazo dedicado á tradición, aos oficios de sempre e á cultura popular. A programación, que comezará ás 11.00 horas, está deseñada para todos os públicos e combinará música, artesanía, obradoiros, actividades infantís, campionatos e propostas de lecer ao longo de toda a xornada.
A apertura oficial da festa dará paso aos obradoiros de xogos populares e tradicionais organizados polo Centro Cultural Xaquín Lorenzo "Xocas", ademais doutras actividades dirixidas tanto ao público infantil como adulto.
Ás 11.30 horas actuará o grupo Os Xuncos, de Xunqueira de Espadanedo, mentres que ás 12.00 horas terá lugar a recepción das autoridades na Praza de San Antonio.
A programación musical continuará ao mediodía coas actuacións das pandereteiras As Lapacaldas, do Pereiro de Aguiar, e do grupo de acordeóns Airiños dos Foles, previstas a partir das 13.00 horas. Media hora máis tarde celebrarase o primeiro sorteo de agasallos de artesanía na Praza da capela de San Antonio, antes do xantar.
As actividades retomaranse ás 16.30 horas co espectáculo "Os marcos de Marcos Pereiro", protagonizado polo presentador e monologuista Marcos Pereiro.
A partir das 17.30 horas desenvolveranse o contacontos "Off-Line", con Nerea Rodríguez, e o campionato de billarda e chave, que rematará coa correspondente entrega de premios.
Ás 18.15 horas, Xoán Curiel ofrecerá a proposta familiar "Como montar a túa banda de verán", mentres que ás 18.30 horas dará comezo un obradoiro de corozas.
O peche da programación incluirá un concerto-foliada do Grupo de Danzas Castro Floxo, ás 19.15 horas, seguido dun segundo sorteo de agasallos de artesanía, ás 20.00 horas, na Praza da capela de San Antonio. Á mesma hora, a charanga A Felga animará a festa coa súa música, antes da recollida oficial das paradas, prevista para as 21.00 horas.
Durante toda a xornada tamén estarán presentes diferentes demostracións de oficios tradicionais, entre eles olería, cestería, talla en madeira, elaboración de instrumentos musicais, confección de corozas, tecido artesán, palliñeiras ou traballos de ferreiro.
FEIRA MIÚDA
A VII Festa Etnográfica volverá reservar un espazo destacado para a Feira Miúda, cun programa específico pensado para o público infantil e familiar.
A partir das 11.30 horas desenvolverase un escape room infantil, que se prolongará ata as 12.30 horas. Entre as 12.00 e as 14.00 horas haberá un obradoiro de cestería e, ás 13.00 horas, representarase por primeira vez o gran xogo teatralizado "O estraño caso da ola perdida".
Pola tarde, entre as 17.00 e as 19.00 horas, celebrarase un obradoiro de brinquedos. Ás 17.30 horas haberá unha nova sesión do escape room infantil, ata as 18.30 horas, coincidindo co contacontos "Off-Line", tamén a cargo de Nerea Rodríguez.
Ás 18.15 horas, Xoán Curiel impartirá a actividade "Como montar a túa banda de verán", e ás 19.00 horas volverá representarse "O estraño caso da ola perdida".
Como complemento á programación infantil, durante todo o día permanecerá aberto un punto de intercambio de libros infantís, que se sumará ás distintas propostas de lecer, creatividade e divulgación do patrimonio etnográfico organizadas no marco da festa.