Monforte xa ten pregoeiro para as Festas Patronais

RibeiraSacraXa
Trátase do empresario José Manuel Rodríguez, que dará o pregón o 11 de agosto ás 20.30 horas na Casa do Concello
fogos-san-vicente-festas-monforte
16 Jul 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou que o empresario José Manuel Rodríguez Fernández será o encargado de pronunciar o pregón das Festas Patronais de 2026, que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto. O acto terá lugar o 11 de agosto, ás 20.30 horas, na Casa do Concello, coincidindo co inicio oficial das celebracións.

Segundo explicou o rexedor, a elección do director xeral da Cooperativa Lemos Celega, propietario e xerente de Autos Lemos e responsable da empresa familiar Transportes Agustín pretende ser unha homenaxe ao conxunto do tecido empresarial local.

José Tomé sinalou que “render homenaxe e recoñecer ao colectivo de empresarios e emprendedores monfortinos no seu conxunto” foi o principal motivo da designación do pregoeiro deste ano.

O alcalde destacou que o Concello mantén unha aposta polo desenvolvemento económico da cidade e considera fundamental crear condicións que favorezan a actividade empresarial e a creación de emprego.

“Nós tivemos claro que o Pregoeiro das Festas Patronais debía ser un empresario monfortino, como unha mostra máis do apoio que dende o Concello queremos dar ao tecido empresarial, mellorando as dotacións industriais do Concello, e como homenaxe a empresarios e emprendedores”, afirmou.

José Tomé explicou tamén que José Manuel Rodríguez aceptou “xenerosamente” a proposta trasladada polo alcalde e puxo en valor a súa traxectoria profesional, desenvolvida integramente en Monforte.

O rexedor definiuno como “un home que apostou pola súa cidade e quixo centrar a súa carreira profesional en Monforte”.

O alcalde asegurou que José Manuel Rodríguez “encarna perfectamente a un empresario feito a si mesmo, que dende a Xerencia da Cooperativa Lemos soubo consolidala e fortalecela diversificando as súas actividades, xerando oportunidades para os gandeiros de produción láctea a través de Celega, ao que lle hai que sumar a industria do automóbil en Autos Lemos ou a empresa familiar de Transportes Agustín, que en total suman 93 postos de traballo e unha facturación anual de 138,5 millóns de euros”.

Nado en Monforte hai 57 anos, José Manuel Rodríguez cursou Enxeñaría Industrial en Xixón. Na actualidade é director xeral da Cooperativa Lemos Celega, propietario e xerente de Autos Lemos e deu continuidade á empresa familiar Transportes Agustín.

José Tomé destacou ademais a súa vinculación coa cidade e co asociacionismo local. “José Manuel é unha persoa nativa en Monforte, cos pais de Sober, que reside na nosa cidade e que colabora de xeito importante co tecido asociativo de Monforte”, sinalou.

O alcalde concluíu asegurando que o futuro pregoeiro “é un exemplo claro de emprendemento e que define o sector empresarial da nosa cidade, moi dinámico e creativo nos últimos anos”.

0.12279105186462