Monforte ten unha nova cita co teatro este xoves coa función “Amalia y el río, historia de una estraperlista”.

RibeiraSacraXa
A peza, protagonizada pola compañía Guirigai, será representada esta tarde no multiusos
aamalia-y-el-rio-monforte
23 Apr 2026

O teatro regresa este xoves ao Edificio Multiusos de Monforte cunha nova proposta escénica incluída na programación cultural municipal. A función, prevista para as 20.15 horas, estará protagonizada pola compañía Guirigai, que levará a escena a obra “Amalia y el río, historia de una estraperlista”.

A peza, escrita e dirixida por Agustín Iglesias, conta cun elenco integrado por Magda Gª-Arenal e Cándido Gómez. A montaxe complétase cun equipo artístico no que destacan a escenografía de Marcelino de Santiago Kukas, o deseño de son e iluminación de Félix Valverde, o vestiario de Luisa Santos e a música de Irma Catalina Álvarez.
Esta representación forma parte do programa impulsado polo Concello de Monforte no marco da Rede Galega de Teatro e Auditorios e supón o peche das funcións de teatro profesional para público adulto correspondentes ao primeiro semestre de 2026 na cidade.

A obra está baseada na historia real de Antonia “La Lirina”, veciña de Olivenza (Badajoz), e percorre episodios vividos na fronteira entre España e Portugal entre os anos 1942 e 1964. A protagonista, xa viúva e con oito fillos, decide emigrar a Barcelona, nun relato que afonda nas vivencias do contrabando desde unha perspectiva persoal.

A través do personaxe de Amalia, a montaxe presenta a unha muller decidida e irónica que loita por manter a súa dignidade e o seu dereito a traballar nun contexto marcado polo machismo. A historia reconstrúe, a modo de lembranza, escenas e personaxes vinculados á súa vida, nun ambiente cargado de memoria e emoción.

As entradas teñen un prezo xeral de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para persoas desempregadas, xubiladas e estudantes.
A programación teatral continuará esta fin de semana, o domingo 26 de abril ás 18.00 horas, coa obra infantil “Berenguela na gaiola”, da compañía Galeatro Producións Escénicas.

0.12455010414124