Monforte sorteará o 14 de outubro as prazas do Programa Activa para o curso 2026-2027

RibeiraSacraXa
A iniciativa ofrece 741 prazas entre ordinarias e adicionais, conta cun orzamento municipal de 65.000 euros e está dirixida especialmente a persoas maiores de 55 anos
Presentación-Programa-Activa-2026-2027-Monforte
10 Oct 2026

O salón de actos do Centro Cívico e Social de Monforte acollerá o vindeiro mércores 14 de outubro, ás 9:00 horas, o sorteo público das prazas do Programa Activa para o curso 2026-2027. O Concello dará a coñecer o resultado o día seguinte, 15 de outubro, coa publicación das listaxes de persoas admitidas e das correspondentes listas de agarda.

O procedemento realizarase nas actividades nas que a demanda supere o número de prazas dispoñibles. Segundo establecen as bases do programa, coordinado pola área de Servizos Sociais, asignarase un número a cada solicitude admitida e o sorteo diferenciará entre prazas ordinarias e prazas reservadas para persoas con discapacidade. Na modalidade de participación conxunta, as persoas solicitantes terán un único número.

As actividades nas que se realizará o sorteo son bailes de salón de iniciación, bailes latinos de perfeccionamento, cerámica 1 e 2, competencias dixitais de nivel intermedio, Conservando a memoria 1 e 2, costura básica, costura creativa 1, ioga 1 e 2, manualidades 1, taichi, ximnasia acuática 1 e 2 e ximnasia de mantemento nos seus tres niveis.

Pola contra, non será necesario realizar o sorteo nas actividades que aínda dispoñen de vacantes. Trátase de Conservando a memoria 3 e 4, competencias dixitais de iniciación e avanzado, costura creativa 2, manualidades 2, informática, Cuidarte e bailes latinos de iniciación. Nestes casos, as prazas asignaranse por orde de entrada das solicitudes.

741 prazas e 65.000 euros de investimento

O Concello de Monforte destina ao Programa Activa unha partida de 65.000 euros, tras incrementar o investimento en 5.000 euros nesta edición. A oferta comprende 714 prazas ordinarias e 27 adicionais, o que supón 37 prazas máis que no curso anterior.

A iniciativa está dirixida especialmente a persoas maiores de 55 anos e busca favorecer o envellecemento activo, mellorar a calidade de vida e promover o benestar psicosocial. Tamén pretende fomentar o encontro interxeracional, previr situacións de soidade non desexada e contribuír á dinamización das parroquias.

Todas as actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, xa que están financiadas integramente polo Concello. O programa desenvolverase desde o 19 de outubro ata o 11 de xuño de 2027.

0.16865301132202