Monforte sitúase entre os 26 concellos galegos con nivel alto de control interno segundo o Consello de Contas

RibeiraSacraXa
O informe sobre a xestión económica municipal destaca a madurez do sistema de control interno e sitúa ao Concello monfortino na máxima categoría da avaliación
tome-orzamentos-monforte-2026
29 Aug 2026

O Concello de Monforte de Lemos sitúase entre as entidades locais de Galicia cun mellor nivel de control interno, ao acadar a categoría "ALTO" na avaliación realizada polo Consello de Contas de Galicia sobre o funcionamento dos sistemas de control interno dos concellos durante os exercicios 2021, 2022 e 2023. Só 26 dos 259 concellos avaliados acadaron esta máxima cualificación.

O resultado supón, segundo o Goberno municipal, un recoñecemento ao rigor na xestión dos recursos públicos e ao funcionamento dos mecanismos de control interno do Concello. A avaliación analiza, entre outras cuestións, o cumprimento das obrigas de transparencia e rendición de contas, así como a remisión de información relacionada coa contratación, os convenios e o control interno.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, puxo en valor que a valoración procede dun órgano fiscalizador externo e non do propio Concello. "Estamos ante un dato moi importante porque non é o Concello quen se cualifica a si mesmo, senón que falamos do Consello de Contas de Galicia, que é a institución encargada de fiscalizar a xestión económico-financeira das entidades locais galegas", sinalou.

Tomé tamén destacou o carácter independente da avaliación e lembrou que o Consello de Contas está integrado por representantes dos diferentes grupos parlamentarios. "Non se pode presentar este resultado como un informe feito para favorecer ao Alcalde de Monforte. É unha avaliación independente e baseada nunha metodoloxía común para o conxunto das entidades locais", afirmou.

Para o rexedor, a xestión municipal vai máis alá das obras, dos servizos públicos, das actividades culturais ou das políticas sociais e abrangue tamén a administración dos recursos públicos e o cumprimento da normativa nos diferentes procedementos. Neste sentido, subliñou que "o Consello de Contas sitúa a Monforte no nivel ALTO".

Entre os concellos con mellores resultados

O informe foi publicado polo Consello de Contas o pasado 31 de xullo e analiza o funcionamento dos sistemas de control interno das entidades locais galegas durante o período 2021-2023. A categoría máxima foi acadada por 26 dos 259 concellos estudados, polo que Monforte queda integrado nun grupo reducido de municipios con mellores resultados nesta materia.

O alcalde vincula esta valoración coa xestión económica desenvolvida polo Concello nos últimos anos. "Este dato fala por si só do traballo realizado polo Equipo de Goberno desde que cheguei á Alcaldía en 2015. Todos os anos pechamos as contas con remanentes positivos e levamos 11 anos sen subir os impostos municipais", explicou.

Tomé considera que, por riba destes datos, o aspecto máis relevante é que o informe acredita o funcionamento dun sistema de control interno que alcanzou o nivel de madurez considerado alto polo órgano fiscalizador.

Satisfacción e compromiso para o futuro

O alcalde cualificou o resultado como un "motivo de satisfacción, pero tamén de responsabilidade" para manter esta liña de xestión nos próximos anos. Segundo explicou, unha boa valoración externa non debe levar ao Concello a considerar que o traballo está rematado, senón a continuar reforzando os mecanismos de control, rigor e transparencia.

"Cando un órgano independente acredita que o sistema funciona ben, o que temos que facer é seguir traballando para mantelo. Estamos falando de recursos públicos e os cidadáns teñen dereito a que sexan xestionados con rigor, control e transparencia", afirmou.

Tomé defendeu ademais que o resultado debe ser coñecido pola sociedade monfortina ao ofrecer unha valoración externa sobre o funcionamento da Administración local. "Hoxe podemos dicir, con satisfacción e tamén con humildade, que Monforte de Lemos está entre os 26 concellos de Galicia que acadaron a máxima categoría na avaliación da madurez do control interno realizada polo Consello de Contas", indicou.

Finalmente, o alcalde respondeu ás críticas relacionadas coa transparencia na aprobación dos orzamentos municipais. "Aqueles que nos acusan de escurantismo e falta de transparencia cando aprobamos os orzamentos deberían coñecer mellor como funciona un orzamento municipal e, sobre todo, deberían preguntarlle ao Consello de Contas de Galicia", concluíu.

O Goberno local considera así o resultado como un recoñecemento ao traballo desenvolvido nos últimos anos e, ao mesmo tempo, como un compromiso para continuar avanzando nunha xestión económica rigorosa, responsable e transparente.

0.1531388759613