Monforte reúne deste este venres 27 adegas na oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Gastronomía, música, actividades divulgativas e iniciativas turísticas arredor da denominación de orixe daranse cita até o domingo no Paseo do Malecón
festival-do-viño-de-monforte
3 Jul 2026

Monforte de Lemos volve converterse no gran punto de encontro da Ribeira Sacra co viño como protagonista coa oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebra desde este venres ata o domingo no Paseo do Malecón.

Trátase dun evento xa consolidado como unha das principais citas de promoción do viño e do territorio, no que participan directamente as adegas da denominación de orixe e no que conflúen cultura, gastronomía, música e turismo. Nesta edición estarán presentes 27 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que achegarán ao público a diversidade e calidade dos viños da zona.

O evento manterá, como en edicións anteriores, o Paseo do Malecón como espazo central, xunto ao río Cabe, un enclave que permite combinar a degustación de viños cun entorno natural pensado para o lecer e a convivencia. O recinto do festival seguirá apostando por unha montaxe sostible e funcional, con materiais naturais, zonas de sombra, espazos informativos e melloras pensadas para a comodidade do público. Tamén se manterá o sistema de pago mediante tokens e instalarase unha exposición retrospectiva cos carteis de todas as edicións anteriores.

Pola súa banda, a oferta gastronómica estará formada por unha ducia de propostas centradas en produtos de proximidade, mentres que a música volverá ter un papel destacado coa presenza de grupos como A Roda ou Galifunk, xunto coa inauguración a cargo de formacións de música tradicional.

O festival tamén reforza o seu carácter formativo cun programa de catas e actividades divulgativas, nas que participarán sumilleres e especialistas. Entre as propostas máis destacadas figura unha masterclass impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine, centrada na influencia dos solos de lousa na elaboración de viños.

A programación complétase con espazos infantís, obradoiros e espectáculos, así como coas tradicionais rutas do viño polo territorio, que permitirán coñecer de primeira man o traballo das adegas e a paisaxe da Ribeira Sacra a través de rutas fluviais e visitas guiadas. Como novidade o festival incorporará unha iniciativa solidaria mediante a venda de pulseiras cuxa recadación se destinará a unha entidade social de Monforte.

Ademais, este ano e con motivo das altas temperaturas previstas para este venres, o Alcalde, José Tomé Roca, anuncia que por petición de varios adegueiros, a apertura dos stands, prevista para as 19.00 horas, poderase aprazar ata as 20.00 horas, á vontade dos propios adegueiros.

0.15496706962585