Monforte repartirá gafas homologadas de balde para ver a eclipse solar do 12 de agosto

Ante o crecente interese veciñal por presenciar a eclipse solar do vindeiro mércores 12 de agosto, o Concello de Monforte de Lemos anuncia o reparto gratuíto de gafas homologadas para a súa observación segura. O fenómeno poderá seguirse na súa totalidade desde a cidade, o que disparou a demanda deste tipo de protección ocular entre a cidadanía.
A entrega realizarase no vestíbulo da Casa do Concello, en horario de 09.30 a 13.30 horas, e manterase activa ata que se esgoten as unidades dispoñibles.
Desde o Goberno local faise un chamamento á responsabilidade colectiva, solicitando que cada persoa retire unha única gafa. Con esta medida búscase que o maior número posible de veciños e veciñas poidan acceder ao material e desfrutar do evento astronómico con garantías.
Monforte sitúase dentro da franxa de totalidade da eclipse, polo que o fenómeno poderá contemplarse de xeito completo, incluíndo unha fase de escuridade total que rondará os 41 segundos. Esta particularidade converte á localidade nun punto de especial interese e fai prever unha notable afluencia de persoas durante a xornada.
O Concello insiste na importancia de empregar en todo momento gafas homologadas e evitar mirar directamente ao sol sen protección adecuada, co obxectivo de previr posibles danos oculares durante a observación.