Monforte reparte preto de 2.000 euros en premios no Concurso de Maios e Coplas

A Praza de España de Monforte de Lemos converteuse este xoves nun punto de encontro para celebrar a chegada da primavera coa tradicional edición do Concurso de Maios e Coplas. A cita reuniu un total de 19 participantes entre maios e grupos de coplas, nunha edición que o alcalde, José Tomé Roca, definiu como “un éxito de participación, con 19 inscritos, a cifra máis alta dos últimos anos”.
A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e cun tempo favorable, o que animou tanto aos participantes como ao público asistente. Os maios chegaron á Praza de España despois de percorrer distintas rúas da cidade, exhibindo composicións elaboradas con flores e elementos vexetais.
No certame participaron 16 maios, distribuídos entre as categorías de asociacións, colectivos e particulares, e centros de ensino. Ademais, tres grupos competiron no concurso de coplas. O Concello destinou ao concurso unha partida total de 1.905 euros, repartidos entre as dúas modalidades.
Na categoría de asociacións, colectivos e particulares, o primeiro premio foi para Agora Centro Ocupacional coa proposta “Agora asómate á fiestra”. O segundo premio recaeu en Geriatros Monforte e o terceiro en Carlos Somoza González por “O cantar do paporrubio e o espertar do Marroxo”. Tamén se concederon seis accésits.
Entre os centros educativos, o CEIP Plurilingüe Monforte de Lemos acadou o primeiro premio con “A Galiña”, seguido do Colexio Ferroviario con “Paleta de cores, primavera de flores” e do CEIP A Gándara con “Maio con emoción”.
No apartado de coplas, o primeiro premio foi para o CEIP A Gándara con “Coplas dende A Gándara”, mentres que o segundo foi para o CEIP Plurilingüe Monforte de Lemos e o terceiro para a ANPA Fundación Torre de Lemos.
O alcalde destacou tanto a implicación dos colectivos e centros educativos como o nivel das creacións presentadas. “Os participantes deben estar moi orgullosos das obras presentadas, xa que todas demostran un gran traballo e orixinalidade”, sinalou José Tomé, quen tamén puxo en valor o esforzo realizado tanto na elaboración dos maios como na composición das coplas.