Monforte renderá homenaxe o próximo luns aos policías locais Eusebio Cuesta e Francisco Cao

O Concello de Monforte de Lemos celebrará o vindeiro luns, 20 de abril, un pleno extraordinario para a imposición das Medallas do Concello aos axentes da Policía Local Eusebio Cuesta Vázquez, a título póstumo, e Francisco Cao de Jesús, que a madrugada do 23 de agosto de 2025 sufriron un accidente de circulación en acto de servizo. O sinistro produciuse cando os axentes perseguían un vehículo conducido por unha persoa que fuxira tras ser requerida para a práctica dunha proba de alcoholemia. Eusebio Cuesta faleceu no accidente e Francisco Cao resultou ferido.
A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na ordenanza municipal de Honras e Distincións do Concello de Monforte e xa fora anunciado polo rexedor o mesmo día do tráxico accidente, no que se decretaron tres días de loito oficial na nosa cidade.
Con esta distinción, o Concello de Monforte quere recoñecer o especial interese posto por estes axentes no cumprimento do seu deber como policías locais e o seu elevado compromiso coa protección da comunidade á que prestan servizo.
Os nomeamentos e distincións serán impostos polo Alcalde, José Tomé, no acto solemne que terá lugar o vindeiro luns no salón de sesións da Corporación Municipal e contará coa presenza de familiares dos dous axentes e compañeiros da Policía Local.
Con esta homenaxe, apunta José Tomé, “recoñecemos a valentía e compromiso destes axentes coa cidadanía de Monforte e a seguridade de todos os veciños e veciñas do municipio, e recordamos de forma especial a Eusebio Cuesta, que permanecerá sempre nos nosos corazóns”.