Monforte reivindica a súa “posición privilexiada” para seguir a eclipse solar do 12 de agosto con seguridade

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou este xoves na xornada divulgativa dedicada á eclipse solar total prevista para o vindeiro 12 de agosto, unha iniciativa organizada de maneira conxunta entre o Concello de Monforte e a Deputación Provincial de Lugo coa finalidade de ofrecer información rigorosa á cidadanía sobre este fenómeno astronómico e sobre a forma adecuada de observalo.
A actividade desenvolveuse na Casa da Cultura a partir das 20.15 horas e contou tamén coa presenza da deputada provincial Pilar García Porto.
A sesión divulgativa estivo a cargo da doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta e da física e divulgadora científica María Fernández Alonso. Durante a conferencia, as especialistas explicaron ao público cuestións relacionadas coas eclipses solares, as súas fases, os horarios previstos para este fenómeno, os lugares máis adecuados para a súa observación e os materiais homologados que deben utilizarse para protexer a visión.
Ademais, ao inicio do encontro repartíronse entre os asistentes gafas homologadas para observar a eclipse con seguridade, xunto cun díptico con información explicativa.
Durante a súa intervención, José Tomé destacou o carácter excepcional deste acontecemento astronómico e lembrou a súa singularidade. O rexedor sinalou que “desde 1912, hai máis dun século, é a primeira vez que terá lugar un eclipse total de Sol visible en gran parte da península”, polo que asegurou que “para moitas persoas será a única ocasión de asistir a un espectáculo astronómico desta entidade e, desde logo, unha oportunidade histórica para todos”.
O alcalde tamén incidiu na situación xeográfica de Monforte como un punto especialmente favorable para seguir o fenómeno. Neste sentido, destacou que “A nosa cidade está situada nunha das franxas privilexiadas para contemplar esta eclipse solar, converténdose nun dos mellores lugares de Galicia e de toda España para vivir un espectáculo natural que miles de persoas, afeccionadas á astronomía e visitantes chegados de distintos lugares, levan anos esperando”.
José Tomé lembrou ademais que a eclipse coincidirá coas Festas Patronais de Monforte, unha circunstancia que, ao seu xuízo, fará desta edición unha celebración especial para a cidade.
Por último, insistiu na importancia de realizar unha observación responsable e segura do fenómeno astronómico. “Desde o Concello queremos que esta eclipse poida ser desfrutada por toda a cidadanía nas mellores condicións posibles e con todas as garantías de seguridade”, concluíu.