Monforte reclama un uso responsable da auga en plenas Festas Patronais pola seca

RibeiraSacraXa
O alcalde José Tomé Roca asina un bando municipal para pedir á veciñanza e aos negocios que reduzan o consumo innecesario de auga, sobre todo o rego de xardíns e hortas e o enchido de piscinas, coincidindo co aumento de actividade na cidade
Agua
11 Aug 2026

O rexedor de Monforte de Lemos, José Tomé, asinou o día de onte un bando da Alcaldía no que pide á poboación facer un uso moderado e consciente da auga ante o escenario de seca que atravesa a comarca. A medida chega despois de recibir avisos tanto da Xunta de Galicia como da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre a necesidade de coidar os recursos hídricos dispoñibles.

O Concello aclara que, malia este chamamento, o municipio non ten problemas de abastecemento. Aínda así, desde o goberno local considérase imprescindible actuar con previsión, sobre todo tendo en conta que nestes días arrincan as Festas Patronais da cidade, unhas datas marcadas pola chegada de máis visitantes e un notable repunte do gasto de auga.

O propio alcalde subliña a importancia de conter o consumo en tarefas como o rego de xardíns, hortas e espazos verdes, ou o enchido e mantemento de piscinas particulares. "Todos temos que implicarnos neste momento. A auga é un ben imprescindible que hai que xestionar con cabeza, sobre todo agora que coincide coas festas e vai haber máis movemento e máis xente na localidade", declara Tomé.

O bando diríxese tamén aos comercios, hostaleiros e demais actividades económicas de Monforte, aos que se lles pide sumarse a este esforzo colectivo de contención do gasto.

Desde o Concello lembran que as pequenas accións individuais, sumadas, xeran un impacto notable no consumo total da cidade, polo que reiteran a súa petición de manter estas prácticas de aforro tanto durante as festas como mentres persista o episodio de seca.

O Concello de Monforte agradece de antemán a implicación da cidadanía e apela á responsabilidade compartida como vía para protexer este recurso esencial.

0.13414096832275