Monforte recibe a estudantes universitarios dun curso internacional sobre enoturismo

RibeiraSacraXa
A xornada formativa desenvolveuse ao longo da mañá no Centro do Viño e contou coa colaboración do Concello
curso-enoturismo-monforte
8 Jun 2026

A tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, deu a benvida este luns a un grupo de estudantes universitarios que participan nun curso internacional sobre enoturismo organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense. A actividade desenvolveuse no Centro do Viño de Monforte.

Durante a recepción, a representante municipal destacou a importancia desta iniciativa formativa para que o alumnado poida achegarse de primeira man á realidade vitivinícola e turística da Ribeira Sacra. Neste sentido, subliñou o valor dun territorio que combina patrimonio, paisaxe e tradición vitícola, e puxo de relevo o papel que o enoturismo desempeña como motor de desenvolvemento económico para a comarca.

Gloria Prada animou ademais aos participantes a profundar no coñecemento da Ribeira Sacra e dos seus viños a través da oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. O evento celebrarase durante a primeira fin de semana de xullo e reunirá a 27 adegas, ademais dun programa que inclúe actuacións musicais, viñorutas e masterclass.

A xornada formativa desenvolveuse ao longo da mañá no Centro do Viño e contou coa colaboración do Concello de Monforte. Como parte desta colaboración, o alumnado e o persoal docente recibiron un agasallo institucional como recordo da súa estadía na cidade.

O programa completouse cunha visita guiada a algúns dos principais atractivos patrimoniais de Monforte, entre eles o Conxunto Monumental de San Vicente e a Xudería, permitindo aos asistentes coñecer máis de preto a historia e a riqueza cultural da localidade.

0.12323904037476