Monforte programa doce funcións teatrais durante o outono

RibeiraSacraXa
A programación desenvolverase do 8 de outubro ao 5 de decembro e reunirá oito propostas profesionais e catro montaxes de grupos afeccionados
telon-teatro-recurso
6 Oct 2026

Monforte de Lemos terá doce citas co teatro durante os meses de outubro, novembro e comezos de decembro, cunha programación que repartirá as representacións entre o Edificio Multiusos e a Casa da Cultura. A proposta, impulsada polo Concello a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e dos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado da Deputación de Lugo, inclúe espectáculos dirixidos a diferentes públicos.

O calendario abrirase este xoves 8 de outubro con ‘Bio Construción’, de Ibuprofeno Teatro. A función comezará ás 20.15 horas no Edificio Multiusos e está dirixida ao público adulto. As entradas custan 5 euros, cun prezo reducido de 3 euros para estudantes, persoas desempregadas e xubiladas.

O programa continuará o xoves 15 de outubro coa proposta ‘Lavandeiras’, de Vero Rilo, tamén ás 20.15 horas no Multiusos. A función está recomendada para maiores de 14 anos e manterá o mesmo prezo de entrada.

Unha semana despois, o 22 de outubro, Talía Teatro levará a escena ‘Artur Ui, o ovo da serpe’, unha obra para público adulto. O ciclo do mes pecharase o xoves 29 con ‘#Influencers’, de Negro López, recomendada para maiores de 13 anos. Ambas as representacións serán ás 20.15 horas no Edificio Multiusos e terán un prezo de 5 euros, con tarifa reducida de 3 euros.

Xa en novembro, o xoves día 5 será a quenda de Mofa e Befa, que presentarán ‘Os dous de sempre’. A función, prevista ás 20.15 horas no Multiusos, estará dirixida a maiores de 13 anos e contará coas mesmas tarifas que as anteriores propostas da Rede de Teatros e Auditorios.

A primeira representación na Casa da Cultura chegará o venres 6 de novembro con ‘A Rateira’, do grupo Argalleiras Teatro. A función comezará ás 20.00 horas, será para todos os públicos e terá entrada gratuíta.

O xoves 12 de novembro, Sarabela Teatro presentará ‘A Metamorfoso’ no Edificio Multiusos. A obra, recomendada para maiores de 12 anos, comezará ás 20.15 horas e terá entradas a 5 euros, con prezo reducido de 3 euros.

A programación continuará o sábado 14 de novembro na Casa da Cultura con ‘Vermello’, de Rebuldeira Teatro-Sarria. A función será ás 20.00 horas, con acceso gratuíto, dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

O xoves 26 de novembro, ás 20.15 horas, o Edificio Multiusos acollerá ‘A cámara escura’, de Vórtice Escénico. A obra está recomendada para maiores de 12 anos e terá un prezo xeral de 5 euros e reducido de 3 euros.

As últimas citas de novembro serán na Casa da Cultura. O sábado 28, ás 20.00 horas, Teatreiras Monforte representará ‘A Revolución, 1789... ou por aí’, con entrada gratuíta e para todos os públicos.

O calendario prolongarase ata decembro con dúas últimas funcións. O xoves 3, ás 20.15 horas, Rebuldeira Teatro-Sarria volverá representar ‘Vermello’ no Edificio Multiusos, nesta ocasión dentro do Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo. A entrada será gratuíta e a obra está recomendada para maiores de 12 anos.

A clausura terá lugar o sábado 5 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, coa estrea de ‘Hotel Esperanza’, a nova proposta do Grupo de Teatro Viraventos de Monforte. A función, incluída no Circuíto de Teatro Afeccionado, será de entrada gratuíta e estará aberta a todos os públicos.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, animou os veciños e veciñas a “acudir ó Multiusos e á Casa da Cultura e participar destas actividades, dentro da aposta decidida que este Equipo de Goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.

0.14606690406799