Monforte presenta o programa musical das Festas Patronais 2026, que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde Gloria Prada e a concelleira de Cultura Marina Doutón, presentou hoxe a programación musical das Festas Patronais 2026, que se celebrarán entre o 11 e o 16 de agosto.
O rexedor destacou que o cartel combina artistas de proxección nacional e internacional, orquestras emblemáticas da verbena galega e a participación de bandas locais, nun modelo festivo baseado na diversidade musical e na vontade de ofrecer propostas para públicos de todas as idades.
Tomé Roca enmarcou esta programación no modelo de festas impulsado polo goberno municipal, subliñando que a variedade e a calidade das actuacións converteron as Festas Patronais de Monforte nun referente en Galicia. Segundo indicou, a aposta segue sendo manter unha oferta “ambiciosa e inclusiva” que combine grandes concertos, verbena e talento local.
As actuacións desenvolveranse entre a Praza de España e a Explanada da Compañía, con programación nocturna que se prolongará ata a madrugada ao longo de toda a semana festiva.
Os artistas que actuarán este ano durante as celebracións serán De Vacas, Ráfaga, Orquesta Olympus, Miss Cafeína, Orquesta Galilea, Marlon, Orquesta Los Españoles, Beret, Doc Magoo’s, Malenne, Orquesta Panorama e Grupo América.