Monforte pon fin este domingo ao programa das Letras Galegas coa peza de teatro infantil “As mil e unha”

O Edificio Multiusos de Monforte de Lemos acollerá este domingo, 31 de maio, a representación da obra teatral infantil “As mil e unha”, que supón o peche da programación cultural das Letras Galegas 2026 organizada polo Concello de Monforte.
A función, prevista para as 18.00 horas con entrada gratuíta, está dirixida ao público familiar e forma parte das actividades impulsadas con motivo da celebración das Letras Galegas.
A través de “As mil e unha”, Vero Rilo e Luís Iglesias combinan narración e música para achegar ao público o universo de Begoña Caamaño, escritora e xornalista homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. O espectáculo emprega elementos de fantasía e referencias mitolóxicas, con personaxes como Circe, Morgana e Penélope, co obxectivo de poñer en valor o uso do galego e o legado da autora.
A actividade está integrada na Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Monforte.