Monforte pon en marcha unha campaña co gallo do 25N que se estenderá ata o 29 de novembro

RibeiraSacraXa
O programa conta cun amplo abano de actividades, cuxa difusión será a través de cartelaría específica e de pancartas conmemorativas, que serán colocadas no edificio do Concello e no Centro Cívico
Presentación da campaña do 25 N de Monforte
Presentación da campaña polo 25N en Monforte
8 Nov 2024

A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López,  deron a coñecer o programa de actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero.

A  Concelleira de Muller e Igualdade convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización titulada “Monforte, En negro contra as Violencias”, e que ten por obxecto, a través dun completo programa de actividades “facer un chamamento á unión e implicación da xente da cidade para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”.

Neste senso, Margarita López indicou que “a violencia machista non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala das nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obrigación. Para iso necesitamos o compromiso individual da cidadanía, homes e mulleres, e o compromiso colectivo da sociedade todos os días do ano”.

“A violencia machista é a primeira causa de morte prematura entre as mulleres, o machismo mata e ten que ser unha cuestión política de primeira orde. Desde o ano 2003, data que marca o inicio da recompilación de datos oficiais, foron asasinadas por violencia de xénero en España 1.283 mulleres. No que levamos de 2024, ata principios de novembro foron asasinadas 39 mulleres”, destacou a concelleira.

“Por todo isto, dende o Equipo de Goberno, consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Así, animamos a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración dos diversos actos que organizamos arredor do 25 de novembro”.

A campaña ideada dende o Concello co gallo do 25-N, estenderase dende hoxe xoves día 7 e ata o 29 de novembro. O programa conta cun amplo abano de actividades, cuxa difusión será a través de cartelaría específica e de pancartas conmemorativas, que serán colocadas no edificio do Concello e no Centro Cívico.

Tamén, ao igual que nos últimos anos, instalarase un vinilo da campaña no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero en todos os traxectos que realice o bus pola vila, así como un chamamento a asistir á concentración do 25 novembro.

0.17049622535706