Monforte pechará varias rúas do centro este domingo por unha carreira solidaria contra o cancro

RibeiraSacraXa
A proba percorrerá distintas rúas do casco urbano entre as 11.30 e as 13.30 horas aproximadamente, cun dispositivo especial de tráfico para garantir a seguridade das persoas participantes
Mapa recorrido V Andaina Monforte
10 Sep 2026

Monforte de Lemos activará este vindeiro domingo, 13 de setembro, un dispositivo especial de tráfico con motivo da celebración da V Carreira e Andaina 'Monforte en Marcha contra o Cancro', unha iniciativa impulsada pola delegación de Lugo da Asociación Española contra o Cancro (AECC).

A proba dará comezo ás 12.00 horas, con saída e chegada situadas na Explanada da Compañía, e prolongarase durante un máximo aproximado de dúas horas. O percorrido, que as persoas participantes completarán en dúas voltas, transcorrerá pola rúa Compañía, o Paseo de Lugo, a rúa Carude e San Lázaro, para despois dirixirse cara ao centro da localidade a través das rúas Reboredo, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure. Desde alí, o trazado descende de novo pola rúa Compañía ata a glorieta de acceso ao Parque dos Condes, pechando así o circuíto no punto de partida.

Para posibilitar o desenvolvemento da marcha, todas as vías polas que discorre quedarán pechadas ao tráfico desde aproximadamente as 11.45 horas e ata que finalice a proba, cuxo peche se estima entre as 13.00 e as 13.30 horas. Durante ese período, a Policía Local encargarase da regulación e vixilancia do tráfico nas rúas afectadas, polo que desde o Concello se pide comprensión a condutores e veciños, recomendando que, na medida do posible, se planifiquen os desprazamentos evitando a zona mentres dure o evento.

O Concello participa activamente na organización desta cita deportiva e solidaria, colaborando no deseño do percorrido xunto coa área de Deportes e achegando medios como o servizo de ambulancia, efectivos de Protección Civil e a colocación dos valados necesarios para delimitar o circuíto e protexer as persoas participantes.

Con esta quinta edición, a organización busca fomentar a práctica de actividade física saudable ao mesmo tempo que se contribúe á concienciación social fronte ao cancro. O recadado destinarase a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta enfermidade e das súas familias, así como a impulsar a investigación oncolóxica, dentro do obxectivo de superar o 70% de supervivencia de cara ao 2030.

En canto ás inscricións, o seu prezo é de 10 euros e inclúen camiseta. Podían formalizarse de xeito online a través da páxina web da AECC ata o xoves 10 de setembro ás 23.59 horas, ou de forma presencial ata o 11 de setembro, en horario de 11.00 a 13.00 horas, na sede local da asociación, situada na Rúa Ricardo Quiroga, sen número, baixo local número 4. O sábado 12 de setembro tamén se poderán tramitar inscricións, de 17.00 a 20.00 horas, nun punto habilitado na rúa Cardeal. Para quen prefira inscribirse o mesmo día da proba, instalarase unha carpa na Explanada da Compañía, de 10.00 a 12.00 horas, co mesmo prezo e camiseta incluída ata esgotar existencias. Así mesmo, quen desexe colaborar coa causa sen tomar parte na carreira pode optar polo dorsal solidario, cunha achega económica libre.

A recollida de dorsais e camisetas realizarase o sábado 12 de setembro, de 17.00 a 20.00 horas, na rúa Cardeal, e o propio domingo 13 de setembro, de 10.00 a 12.00 horas, na Praza Compañía.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou o traballo de coordinación dos servizos municipais implicados, en especial a Policía Local e a área de Deportes, "para que todo estea preparado e para garantir a seguridade das persoas participantes". O rexedor animou ademais á cidadanía a sumarse a esta quinta edición: "Quero animar a todos os monfortinos e monfortinas a participar nesta marcha. Tanto se é correndo como camiñando, xa que o importante é estar presentes e sumar o noso apoio á loita contra o cancro acompañando nesta iniciativa á Asociación Española contra o Cancro e ás persoas enfermas e ás súas familias".

Cómpre lembrar que o Concello mantén unha colaboración habitual coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo, que se traduce, entre outras cuestións, na cesión de tres locais municipais desde os que a entidade atende a persoas enfermas e aos seus familiares.

0.1459641456604