Monforte participa nos XVI Xogos do Eixo Atlántico cunha delegación de 68 deportistas

RibeiraSacraXa
A representación monfortina competirá en voleibol, baloncesto, atletismo e natación nun encontro que reúne máis de 2.000 participantes de Galicia e o norte de Portugal
monforte-xogos-eixo-atlantico
6 Jul 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, participou este domingo na cerimonia de apertura dos XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se celebran en Santiago de Compostela entre os días 5 e 10 de xullo.

A delegación monfortina, que previamente fora despedida polo rexedor na súa saída cara á capital galega, está integrada por 68 deportistas que competirán en catro modalidades: voleibol masculino e feminino, baloncesto masculino e atletismo e natación nas categorías masculina e feminina.

Antes da partida, José Tomé trasladou unha mensaxe de ánimo aos participantes e ao persoal técnico, felicitándoos pola súa presenza nesta cita deportiva. O rexedor expresou o seu desexo de que os representantes locais desfruten desta experiencia de convivencia e competición "coa ilusión e coa ambición de acadar o mellor dos resultados". Ademais, mostrou a súa confianza en que a edición deste ano se desenvolva baixo os valores deportivos, "do esforzo e do compañeirismo".

O acto inaugural estivo precedido por distintas actividades de animación, entre elas a participación dos cabezudos de Santiago de Compostela e diversas propostas musicais que acompañaron a chegada das delegacións participantes.

Ás 18.30 horas celebrouse o desfile das 28 delegacións participantes. Durante a cerimonia entregouse tamén o Trofeo do Xogo Limpo Nelson Cardoso, un recoñecemento ás actitudes e comportamentos exemplares demostrados na edición anterior. O galardón foi para a delegación do municipio portugués de Amarante.

Ademais, tivo lugar a tradicional homenaxe a unha figura especialmente vinculada aos Xogos do Eixo Atlántico. Nesta ocasión o recoñecemento foi para José Guilherme Aguiar pola súa contribución ao desenvolvemento desta competición.

A inauguración oficial dos xogos correu a cargo dunha nena e un neno participantes, acompañados pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola concelleira de Deportes, Pilar Lueiro.

Os XVI Xogos do Eixo Atlántico constitúen unha nova edición deste encontro deportivo bianual que reúne mozos e mozas de Galicia e do norte de Portugal. Santiago acolle por segunda vez esta competición, despois da celebrada en 2005.

Esta edición é ademais a primeira completamente paritaria, con participación masculina e feminina en todas as modalidades: baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación. Nas dúas últimas disciplinas tamén se inclúen probas adaptadas.

Participan un total de 28 municipios: dez galegos e dezaoito portugueses. As delegacións galegas reúnen 742 integrantes, mentres que as portuguesas suman 1.459 participantes.

As competicións desenvolveranse en once instalacións deportivas distribuídas entre a zona urbana e a área rural de Santiago de Compostela.

Os deportistas monfortinos proceden de diferentes clubs e entidades deportivas do municipio. O Club de Atletismo A Gándara e o Club Natación Monforte encárganse da selección de participantes en atletismo e natación, mentres que o Club Korbis e o Club Voleibol Ribeira Sacra aportan xogadores ás seleccións de voleibol. O equipo de baloncesto está configurado polo C.B. Val de Lemos.

A expedición local está formada por cinco equipos distribuídos entre voleibol feminino e masculino, baloncesto masculino, atletismo e natación, acompañados polos seus respectivos equipos técnicos.

O técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez, exerce como delegado municipal e responsable da representación do Concello de Monforte durante a súa participación nos xogos.

0.12422394752502