Monforte organiza tres obradoiros de balde para maiores de 55 anos sobre alimentación, cosmética natural e arte floral

RibeiraSacraXa
As actividades, que se desenvolverán entre novembro e decembro na Praza de Abastos, buscan fomentar o envellecemento activo e, no caso do obradoiro de arte floral, a convivencia entre distintas xeracións
obradoiros-maiores-Barreiros
Imaxe de arquivo ilustrativa
30 Oct 2026

O Concello de Monforte de Lemos, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, porá en marcha tres obradoiros pensados principalmente para persoas maiores de 55 anos. Trátase dunha proposta formativa de balde que terá lugar entre novembro e decembro no Espazo Gastronómico da Praza de Abastos, e inclúe sesións de alimentación saudable, cosmética natural e arte floral.

A iniciativa, impulsada polo Concello xunto coa entidade FORMAVIGO, ten como finalidade fomentar hábitos de vida saudables, reforzar o benestar persoal e propiciar momentos de encontro social entre xeracións.

O calendario arrancará co obradoiro de alimentación saudable, programado para os días 16 e 18 de novembro. A continuación chegará o de cosmética natural, que se impartirá os días 23, 25 e 30 de novembro. Por último, o obradoiro de arte floral terá lugar o 27 de novembro e o 11 de decembro, coa particularidade de que está aberto tamén a menores e adolescentes, buscando así un espazo compartido entre distintas idades.

Todas as sesións desenvolveranse en horario de 16.30 a 20.30 horas no citado Espazo Gastronómico, e correrán a cargo de monitoras especializadas en cada materia.

O alcalde, José Tomé Roca, subliñou o valor deste tipo de propostas para mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Nas súas palabras, “desde o Equipo de Goberno seguimos apostando por actividades que promovan hábitos saudables, o benestar persoal e a participación social, ao tempo que fomenten o encontro e o intercambio de experiencias entre diferentes xeracións”. O rexedor tamén animou á cidadanía a inscribirse, facendo un chamamento especial aos máis novos para que se sumen ao obradoiro interxeracional de arte floral, que se celebrará nas datas previas ao Nadal.

Inscricións dende o 4 de novembro

O prazo de inscrición abrirase o 4 de novembro ás 09.00 horas e permanecerá dispoñible ata cubrir as prazas ofertadas. Os trámites deberán realizarse de xeito presencial na Secretaría dos Servizos Sociais Municipais, situada no Paseo do Malecón, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

O consistorio precisou que, se tras o proceso de inscrición quedasen prazas baleiras, estas poderán ser ocupadas por persoas que non cumpran o requisito de idade establecido.

Con esta proposta, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade continúa a súa liña de traballo orientada a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentar estilos de vida saudables e reforzar os vínculos sociais entre xeracións.

0.15100812911987