Monforte mobilízase en defensa do ensino público

A comunidade educativa galega volveu saír ás rúas este 6 de maio nunha xornada de mobilizacións en defensa do ensino público, que tamén tivo seguimento en Monforte de Lemos, onde se celebrou unha concentración na Praza de España ás 19:00 horas.
A convocatoria formou parte dunha acción coordinada en 25 localidades de Galicia e contou coa participación de sindicatos do ensino, profesorado, alumnado e familias. Entre as organizacións presentes destacou a implicación da CIG-Ensino, que apoiou activamente a mobilización.
Durante o acto, procedeuse á lectura dun manifesto e á distribución dun folleto baixo o lema “Polo ensino público: recuperar, reivindicar, recoñecer”, no que se puxo o foco no que os convocantes consideran un “deterioro progresivo” do sistema educativo público.
Na concentración reclamáronse medidas consideradas urxentes pola comunidade educativa, como “a redución de ratios”, “o incremento de profesorado especialista”, “a recuperación do horario lectivo”, a diminución da carga burocrática e unha maior atención por parte da administración ás necesidades reais dos centros educativos.
As persoas participantes advertiron de que a falta de recursos e de cambios estruturais pode comprometer o futuro do alumnado, e fixeron un chamamento a reforzar a defensa do ensino público.