Monforte licita a reparación das áreas de xogos infantís e aparatos biosaudables do Concello

RibeiraSacraXa
José Tomé destaca que o obxectivo é “garantir en todas estas áreas de xogo infantís e biosaudables o seu mantemento e a reparación dos seus xogos e aparatos”
Parque-da-Compañía-Monforte
Parque da Compañía, Monforte
13 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar a licitación do contrato de conservación, mantemento, reparación e xestión da seguridade das áreas de xogo infantís e biosaudables do Concello de Monforte.

O noso obxectivo é “levar a cabo a través da empresa que resulte adxudicataria, a reparación de calquera avaría, deficiencia, desperfecto ou material en mal estado, de calquera dos xogos infantís, aparatos biosaudables e peches perimetrais dos parques e áreas da cidade ó longo de todo o ano”. Deste xeito, o adxudicatario deberá velar en todo momento polo bo estado das áreas de xogo infantís como biosaudables.

En concreto, as áreas de xogo infantís incluídas neste contrato son as correspondentes ós parques Santiago, Chantada, Irmáns Dapena, Praza de Carude, A Pinguela, Parque da Compañía, Rosalía de Castro, López Suárez, A Florida I e II, Val de Lemos, Rio Seco, Sindrán, Local Social de Piñeira, Barxela (Piñeira), Seoane, A Penela e Parque do Barrio do Hospital.

As áreas de aparatos biosaudables son as das áreas da Compañía, Florida, López Suárez, Pinguela, Barrio do Hospital e Val de Lemos.

“Con este contrato o que queremos é garantir en todas estas áreas de xogo infantís e biosaudables o seu mantemento e a reparación dos seus xogos e aparatos, para que estean sempre ao cen por cen do seu funcionamento, realizando para elo todas as actuacións que sexan necesarias por parte da empresa adxudicataria”.

No día de hoxe o alcalde autorizou a apertura do prazo de licitación deste contrato de mantemento e conservación, sendo o importe do contrato de 100.206,10 euros, ive engadido, polo que xa foi publicado na Plataforma de Contratos do Sector Público.

O prazo de presentación ofertas estará aberto ata o venres 29 de novembro de 2024. Unha vez rematado, as correspondentes mesas de contratación celebraranse o mércores 11 de decembro ás 9.00 horas, e o mércores 18 de decembro ás 9.30 horas.

O prazo de duración deste contrato unha vez adxudicado será de 2 anos, coa posibilidade de establecer 2 prorrogas anuais, ata un máximo de 4 anos.

 

0.18223690986633