Monforte investirá preto de 224.000 na reforma integral do Cemiterio Vello Municipal

RibeiraSacraXa
O proxecto de mellora afecta ás súas vías interiores e aos camiños que vertebran o Cemiterio que forman parte da rede viaria municipal
Plano da reforma do cemiterio municipal de Monforte
Plano da reforma do cemiterio municipal de Monforte
26 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciaun novo proxecto de mellora dunha infraestrutura urbana da cidade, neste caso, a mellora integral do Cemiterio Vello Municipal de Monforte. O Concello de Monforte conta con 2 cemiterios de titularidade municipal, que son os de A Gándara e Piñeira. A actuación que hoxe anunciou o rexedor monfortino ten que ver co Cemiterio de A Gándara, o que se coñece por Cemiterio Municipal. Este cemiterio foi inaugurado no ano 1903.

“O proxecto de mellora que ideamos para o Cemiterio municipal afecta ao que se refire ás súas vías interiores, os camiños que vertebran o Cemiterio, que forman parte da rede viaria municipal, en concreto, 80 rúas secundarias do cemiterio” explicou José Tomé. As rúas principais desta zona, así como as dúas ampliacións levadas a cabo no cemiterio, contan con rúas pavimentadas.

A actuación ven motivada porque unha grande parte das vías secundarias do Cemiterio Municipal están na actualidade sen pavimentar ou con pavimentos realizados en pequenas áreas, sen conexión entre eles, defectuosos, con distintos niveis e deteriorados, que provocan humidades e incluso a entrada de auga nas sepulturas inferiores, cousa que se solucionarán coas novas obras.

“Debido á importancia social e patrimonial que ten o noso Cemiterio Municipal” subliñou o alcalde, “dende o Equipo de Goberno consideramos necesario pavimentar estas rúas que hoxe están sen pavimentar ou cun pavimento defectuoso, por iso queremos dignificar o lugar onde descansan de xeito definitivo os homes e mulleres que fixeron de Monforte a cidade que somos hoxe”.

Mellora integral do Cemiterio Vello municipal

As actuacións de mellora no pavimento das vías que se levarán a cabo abarcan unha superficie total de 3.199,50 m², e desenvolveranse en 5 fases que se corresponden con 5 zonas diferenciadas.

As 5 zonas licítanse conxuntamente e as obras realizaranse de xeito continuado por fases para afectar o menos posible a actividade do cemiterio.

As obras que se levarán a cabo para a mellora das devanditas zonas, que posúen unha tipografía practicamente horizontal, consistirán na explanación do terreo, a demolición da soleira actual, coa colocación dun novo firme de formigón, así como coa colocación dunha rigola para recollida de augas pluviais, con sumidoiros para recollelas e que se conectarán á rede de pluviais existente, nas rúas principais.

Orzamento e licitación

Este proxecto ten un orzamento de 223.542,57 euros (IVE engadido) e a súa licitación publicase este luns 25 de novembro na Plataforma de Contratos do Sector Público, polo que o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o luns 23 de decembro de 2024.

A mesa de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o mércores 8 de xaneiro de 2025 ás 9.15 horas. e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarase o mércores 15 de xaneiro de 2025 ás 9.00 horas.

O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine o contrato, está previsto que sexa de 10 meses. Neste punto, o alcalde salientou que “intentaremos que a obra estea rematada para o 1 de novembro de 2025”.

“Creo que se trata dunha inversión moi importante, de máis de 220.000 euros de investimento, que sen dúbida mellorará os servizos que o Cemiterio Municipal ofrece ós seus usuarios, que son a inmensa maioría dos veciños e veciñas de Monforte”, subliñou o alcalde.

E finalizou José Tomé indicando que “o cemiterio é un espazo de recollemento e á vez que recollen un gran patrimonio cultural. Nel descansan defuntos máis coñecidos e outros moitos cidadáns anónimos que en vida conviviron na cidade, en definitiva, todos eles monfortinos e monfortinas. Con esta actuación queremos que os nosos veciños se atopen a gusto e poidan transitar con comodidade polas súas rúas interiores, para visitar aos seus defuntos e para coidar ás súas tumbas ou nichos”.

“Porque ademais, o noso cemiterio é visitado a diario por moitos dos nosos veciños, e por xente de fora, que teñen aos seus familiares e amigos enterrados aquí”.

0.12792301177979