Monforte instalará unha pantalla xigante na Praza de España para seguir a final do Mundial de fútbol

RibeiraSacraXa
O Concello habilitará un punto de encontro para que a veciñanza poida ver o domingo o partido de España na final da Copa do Mundo
publico-partido-mundial-vigo
16 Jul 2026

O Concello de Monforte instalará este domingo, 19 de xullo, unha pantalla xigante na Praza de España para que a veciñanza poida seguir en directo a final da Copa Mundial de Fútbol 2026, na que a Selección Española buscará o título tras superar a Francia nas semifinais.

O alcalde, José Tomé Roca, explicou que a iniciativa responde á gran afección que existe no municipio pola selección española e pretende converter a Praza de España nun punto de encontro para compartir este acontecemento deportivo.

O partido comezará ás 21:00 horas e poderá seguirse a través dunha pantalla xigante de 6 metros de ancho por 3 de alto (18 metros cadrados e 270 polgadas), que se situará na parte superior das escaleiras da Praza de España, diante do cruceiro, para garantir a visibilidade do público asistente O acceso será libre ata completar a capacidade da praza.

O rexedor convidou á veciñanza a participar nesta cita deportiva. “Achegarse en familia ou con amigos para desfrutar dunha final histórica e celebrar conxuntamente a paixón polo fútbol e os éxitos da Selección Española neste mundial”.

José Tomé lembrou que o Concello xa organizara unha iniciativa semellante durante a final da Eurocopa de 2024, cando tamén se instalou unha pantalla xigante para seguir o encontro.

“A intención é que os afeccionados da Roxa poidan ver en directo e desfrutar deste gran acontecemento e, a poder ser, repetindo a vitoria que xa celebramos cunha pantalla xigante na Final da Eurocopa en xullo de 2024”, sinalou.

O alcalde destacou ademais que este tipo de competicións “son das que se desfrutan con familiares e amigos”, polo que considera que a instalación da pantalla permitirá que os monfortinos e monfortinas vivan xuntos unha cita deportiva de alcance internacional.

Por último, animou á cidadanía a asistir á Praza de España confiando en que “xuntos poidamos desfrutar dunha noite histórica coa nosa Selección, á que lle desexamos toda a sorte que necesite para facernos pasar outra xornada inesquecible”.

0.11982202529907