Monforte inicia este mércores as obras de conexión da nova tubaxe xeral da rede de abastecemento de auga

RibeiraSacraXa
A nova tubaxe conectará os depósitos de San Vicente e do Cornado
Plano nova tubaxe, concello de MOnforte
Plano nova tubaxe, concello de Monforte
18 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que debido ás obras na nova tubaxe xeral da auga potable que o Concello de Monforte está a levar a cabo na rede de abastecemento de auga da cidade, e que consiste nunha nova tubaxe que conecta os depósitos de San Vicente e do Cornado, este mércores 20 de novembro procederase á realización dos traballos para conectar a nova tubaxe xeral da rede de distribución de auga de Monforte co entronque do depósito de San Vicente.

En concreto, acometerase a conexión da nova tubaxe coa instalación de chaves de paso e demais elementos necesarios para propiciar o subministro a dito depósito de San Vicente e ás rúas que reciben a auga potable antes de chegar a San Vicente.

Por este motivo, levarase a cabo unha redución no subministro da rede actual, que non suporá o corte da auga, senón que so producirá unha baixada de presión na mesma, e que está programado para este mércores 20 de novembro, entre as 8.00 horas da mañá e as 17.00 horas da tarde.

Ademais das obras de colocación das chaves de conexión e válvulas, tamén se introducirá unha cámara no último treito de entrada nos depósitos, para elaborar con precisión unha manga para o encamisado do entronque final cos depósitos.

As rúas que se verán afectadas serán a Parroquia de Reigada, onde se producirá un corte de subministro, solo en Reigada.

A baixada de presión afectará, en ambas marxes das rúas Rosalía de Castro, Doutor Casares, Concepción Arenal, Doutor López Suárez, Poeta Noriega Varela, Condesa Pardo Bazán, Vilanova, Morín, Rioseco, Juan Montes, Padre Feijoo, Ramón Cabanillas, Mato e rúa das Cruces, dado que estas rúas abastécense antes de que a tubaxe xeral chegue ós depósitos de San Vicente.

“Dende o Concello agradecemos a comprensión dos veciños e reiterarlles as desculpas polas molestias que estes traballos de mellora poidan ocasionar, pero é un paso necesario, que unha vez rematadas as obras, vai permitir que xa non haxa máis avarías na tubaxe xeral de abastecemento de Monforte, o que sen dúbida, é unha boa noticia”, salienta o alcalde.

Nova tubaxe da rede xeral de abastecemento de Monforte

En novembro de 2022 deron comezo os traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento de Monforte, logo de que o Alcalde de Monforte asinara no mes de xullo de 2022 coa empresa FCC Aqualia S.A., un preacordo para executar as obras do proxecto denominado “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte”, proxecto que consiste na dotación dunha nova tubaxe xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, cun investimento de 1,7 millóns de euros.

O inicio das obras tivo na zona do Campo de fútbol de Ribasaltas e a obra foi avanzando en dirección á cidade, dende os depósitos do Cornado.

O alcalde salienta que “esta actuación suporá un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”, e recorda que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable”.

0.16915798187256