Monforte incrementa nun 43% as axudas aos deportistas individuais
Monforte destina 10.000 euros en axudas a deportistas individuais monfortinos, o que supón un 43% máis que en 2022, e 5.000 euros máis que 2019.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca a importancia destas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega, motivo polo cal decidimos incrementar o importe das axudas este ano”.
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado luns 4 de novembro as bases e convocatoria de bolsas a deportistas do Concello de Monforte que practiquen algún tipo de modalidade deportiva individual durante a tempada 2023-2024, as cales poden ser solicitadas dende este luns, 11 de novembro, ata o 22 de novembro.
As persoas solicitantes poderán presentar, no marco desta convocatoria, os méritos deportivos conseguidos entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024. Ademais, tamén é requisito necesario para optar a estas axudas ter participado como mínimo en tres probas ou campionatos de carácter oficial, dos cales un deles ten que ser o campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva durante o período obxecto da presente convocatoria. A cantidade máxima de cada unha das bolsas se establece en 600 euros por deportista.