Monforte inaugura unha nova edición do Programa Universitario de Maiores en colaboración coa USC

O Concello de Monforte e a Universidade de Santiago de Compostela puxeron en marcha unha nova edición do Programa Universitario de Maiores coa inauguración das xornadas “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”, que se desenvolverán ata o vindeiro 28 de maio no Centro Cívico da cidade.
A apertura do programa correu a cargo da tenente de alcalde, Gloria Prada, acompañada pola directora do Programa Universitario de Maiores da USC, Esther Olveira. Ambas destacaron a consolidación dunha iniciativa que ambas institucións impulsan conxuntamente desde o ano 2020 e que nesta edición conta con 48 persoas matriculadas.
Durante a súa intervención, Prada puxo en valor o carácter inclusivo desta proposta formativa, subliñando que “garantimos o dereito de todos os cidadáns ao acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”.
A responsable municipal tamén agradeceu a implicación do alumnado participante e destacou “as ganas de seguir aprendendo que demostrades coa vosa presenza nestas xornadas, compartindo experiencias e participando activamente na vida cultural e social do noso Concello”. Ademais, incidiu en que “este programa demostra que o coñecemento non ten idade e que a curiosidade e o interese por descubrir cousas novas continúan ao longo de toda a vida”.
O programa formativo está dirixido á poboación maior de 50 anos e será impartido por profesorado da USC a través de diferentes seminarios e actividades prácticas centradas no patrimonio, a cultura tradicional e o medio ambiente.
Entre as propostas desta edición figura o curso “As antigas ferrerías e os oficios tradicionais no patrimonio histórico da Ribeira Sacra”, impartido polo profesor Mario Sixto, no que se abordará a evolución do traballo do ferro en Galicia entre os séculos XVI e XVIII, incluíndo unha visita á Ferrería de Penacova.
A programación complétase coa actividade “O pan ten moita miga”, coordinada pola catedrática María Ángeles Romero Rodríguez, centrada nos distintos tipos de pan e na tradición do pan galego, e co seminario “Ameazas da biodiversidade”, impartido por Teresa Rodríguez López, no que se analizará o impacto das accións humanas sobre o medio natural e a necesidade de fomentar a conciencia ambiental.