Monforte inaugura as Festas Patronais cun pregón que homenaxea o tecido empresarial da cidade

Monforte de Lemos deu onte comezo ás súas Festas Patronais en honra á Virxe de Montserrat co tradicional Acto de Lectura do Pregón, celebrado ás 20.30 horas na Casa do Concello baixo a presidencia do alcalde, José Tomé Roca. As celebracións prolongaranse ata o domingo 16 de agosto cunha ampla programación gratuíta para toda a cidadanía.
O encargado de pronunciar o pregón foi este ano José Manuel Rodríguez Fernández, empresario monfortino e director xeral da Cooperativa Lemos-CELEGA, ademais de propietario e xerente de Autos Lemos e Transportes Agustín. Na súa intervención, Rodríguez combinou lembranzas persoais da súa infancia e xuventude ligadas ás festas cunha reivindicación do potencial económico e social da cidade.
José Tomé explicou que a elección deste empresario como pregoeiro busca ser tamén unha homenaxe ao conxunto de empresarios e emprendedores da localidade, como mostra do apoio municipal ao tecido produtivo. O rexedor subliñou que Monforte atravesa unha etapa de mellora e crecemento, especialmente no ámbito industrial, e que por iso o Concello quixo recoñecer o labor deste colectivo.
O alcalde destacou ademais que as empresas vinculadas ao pregoeiro facturan de xeito conxunto máis de 138 millóns de euros ao ano e xeran preto dun cento de postos de traballo, cifras que, ao seu ver, reflicten o esforzo de moitas persoas que apostaron por desenvolver os seus proxectos na cidade.
No seu discurso, José Manuel Rodríguez quixo trasladar que a súa designación como pregoeiro non representaba un recoñecemento individual, senón colectivo, ao conxunto do sector agrogandeiro, industrial e comercial monfortino. Reivindicou o papel diario de emprendedores, autónomos, transportistas, gandeiros, comerciantes e traballadores no sustento das súas familias e no crecemento da cidade.
Rodríguez tivo unha lembranza especial para o sector primario, poñendo en valor o sacrificio detrás de cada litro de leite producido, un traballo que, dixo, non entende de calendarios nin de festivos. Tamén animou á mocidade monfortina a confiar nas súas posibilidades e a apostar pola cidade, á que definiu como un lugar con industria, servizos e futuro, cun polígono industrial en expansión e capacidade para atraer novo investimento.
O pregoeiro pechou a súa intervención convidando á cidadanía a gozar das festas —música, actividades culturais, verbenas e encontros con familiares e amigos— pedindo, iso si, que se vivan con responsabilidade.
Tras o pregón procedeuse ao lanzamento dun foguete desde o Campo de San Antonio e á inauguración da iluminación artística das festas, dando paso á actuación musical do grupo De Vacas na Praza de España a partir das 22.30 horas.