Monforte iluminará de fucsia a Torre da Homenaxe polo Día Mundial do Síndrome de Turner

O Concello de Monforte de Lemos sumarase este venres, 28 de agosto, á conmemoración do Día Mundial do Síndrome de Turner coa iluminación da Torre da Homenaxe de cor fucsia.
O Síndrome de Turner é un trastorno xenético que afecta ao desenvolvemento e á aparencia das mulleres e que se produce pola ausencia parcial ou completa dun dos cromosomas X. As súas manifestacións son diferentes en función de cada persoa e poden ir desde síntomas leves ata problemas de saúde de maior gravidade.
Entre as posibles consecuencias asociadas a este síndrome atópanse a infertilidade e determinadas afeccións cardíacas. Aínda que actualmente non existe unha cura, si hai tratamentos destinados a abordar algúns dos síntomas e manifestacións derivados do trastorno.
A Asociación Síndrome de Turner España destaca especialmente a importancia dunha detección precoz, que permita poñer á disposición das persoas afectadas os recursos necesarios para minimizar ou evitar as súas consecuencias. Tamén reclama continuar dando visibilidade ao síndrome e facilitar información tanto ás familias como ás propias nenas e mulleres afectadas.
O obxectivo é favorecer un maior coñecemento da enfermidade e proporcionar pautas que contribúan a unha integración plena e normalizada das nenas con Síndrome de Turner.
Segundo as estatísticas, o trastorno afecta aproximadamente a unha de cada 2.500 nenas que nacen.