Monforte entrega os premios do Certame de Narración e Debuxo Infantil das Letras Galegas 2026

A concelleira de Cultura, Ensino e Xuventude de Monforte, Marina Doutón, entregou este mércores os premios do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026, unha iniciativa dirixida a escolares de ata 16 anos e organizada pola Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro e a Biblioteca Provincial de Lugo.
O certame forma parte das actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á xornalista e escritora Begoña Caamaño. A iniciativa busca fomentar o uso da lingua galega e contribuír á difusión da cultura propia entre os máis novos.
Como en edicións anteriores, o concurso contou con dúas modalidades: narración, con textos en galego de ata un folio de extensión, e debuxo, realizado en formato DIN A4. En ambos os casos, os traballos debían inspirarse no lema “Medrar lendo”.
A entrega dos galardóns celebrouse na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. As persoas premiadas recibiron un diploma e unha bolsa con libros e xogos de mesa.
Na modalidade de narración, na categoría de 9 a 11 anos, o primeiro premio foi para José Antonio Vila Sánchez, do CPR Escolapios; o segundo para Sara Loureiro Fernández, do CEIP Monforte; e o terceiro para Eliersy Cuevas Guerrero Reichert, do CEIP A Gándara. Na categoría de 12 a 16 anos, o primeiro premio recaeu en Manuel Rodríguez Pérez, do CPR Torre de Lemos; o segundo en Kendall de Ornelas Ríos, do CPR Escolapios; e o terceiro en Nicole Cortés Nieva, do CEIP A Gándara.
Na modalidade de debuxo, Xoel López Prieto, do CEIP A Gándara, obtivo o primeiro premio na categoría de ata 8 anos. Entre os participantes de 9 a 11 anos foron premiadas Reychell Stefanía Ortega Hernández, do CEIP A Gándara; Sofía Rodríguez Pérez, do CPR Torre de Lemos; e Nour Ezzahra Aboufaris, tamén do CEIP A Gándara. Na categoría de 12 a 16 anos, os galardóns corresponderon a Sara Sofía Sánchez Soto, Martina Díaz González e Ana Sofía Agudelo Montoya, as tres alumnas do CEIP A Gándara.
Durante o acto, Marina Doutón felicitou aos participantes pola calidade dos traballos presentados e animounos a continuar participando en futuras edicións do certame, destacando o compromiso dos escolares coa promoción da lingua e da cultura galegas.