Monforte desfrutará dende mañá do Mercado de Nadal na praza de Abastos

RibeiraSacraXa
O Concello abre este sábado 10 o Mercado de Nadal que se prolongará durante 3 fins de semana na praza de Abastos de Monforte
Monforte mercado Nadal2 portada
Monforte mercado Nadal2 portada
9 dic 2022

O Concello de Monforte abrirá as portas mañá sábado 10 de decembro do Mercado de Nadal situado na praza de Abastos. A iniciativa contará cunha proposta de animación, actividades para nenos e nenas e propostas musicais para tódolos públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía.

A tenente de alcalde, Gloria Prada, destaca que “o noso obxectivo dende o Equipo de Goberno con este Mercado de Nadal é a dinamización comercial e artesanal nestas datas, que engade ademais unha oferta de ocio e dinamización comercial das rúas monfortinas”.

A actividade encádrase no proxecto Circuítos de artesanía e música galega que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

Mercado de Nadal de Monforte

Deste xeito, O Mercado de Nadal de Monforte, celebrarase durante tres fins de semana consecutivas neste mes de decembro, concretamente os días, 10, 11, 17, 18, 23 e 24. Para elo o Concello decorará e ambientará as instalacións da Praza de Abastos, lugar en que se situará este Mercado de Nadal, converténdoa nun escenario de Nadal, cheo de luces e decorados propios destas datas, para o desfrute dos visitantes ó Mercado.

Os sábados 10 e 17, e o venres 23 de decembro, os horarios de apertura do Mercado de Nadal serán de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Os domingos 11 e 18, e o sábado 24, abrirá en horario de mañá de 11.00 a 14.00 horas.

No Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía de Nadal, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abano de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade.

Da mesma maneira, ó longo das tres fins de semana, rotarán os postos de venda do Mercado de Nadal, non sendo sempre os mesmos.

Tódolos días do mercado haberá entre as 12.00 e a 13.00 actividades diversas para todos os públicos: contacontos, espectáculos de maxia e cantos de Nadal. Pola tarde, desenvolvoveranse obradoiros con diversos artesáns e artesás, así coma demostracións artesanais a cargo dos oleiros Elías González e Tomás Lopez.

A última fin de semana, na que o Mercado de Nadal se celebrará o venres 23 e o sábado 24, o día 23 terá lugar a visita da Apalpadora e o 24 a do Apalpador.

Tamén pola tarde do venres 23, ás 19.00 horas actuará na Praza de Abastos a Asociación Cultural Amigos da Pandereita.

“Dende o Concello”, subliñou Gloria Prada, “animamos a todos os monfortinos e ás persoas que nos visiten estes días, que acudan ó noso Mercado de Nadal, que aposten por comprar no comercio local e desfruten da nosa hostalería, e que participen neste completo programa de actividades que desenvolveremos na Praza de Abastos e na rúa do Cardenal”.

Monforte mercado Nadal