Monforte de Lemos vive unha xornada histórica co eclipse solar total e o dispositivo de tráfico funciona sen incidencias

RibeiraSacraXa
O alcalde, José Tomé Roca, destaca a gran afluencia de visitantes e o correcto funcionamento do operativo especial durante os 41 segundos de escuridade total que se viviron na cidade
Eclipse 12 agosto Suso Montero
Fotografía de Suso Montero
13 Aug 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé, fai un balance moi positivo da xornada vivida onte na cidade, que cualifica de "verdadeiramente histórica" grazas ao eclipse solar total que reuniu a milleiros de persoas. A localidade atopábase dentro da franxa de totalidade, o que permitiu contemplar o fenómeno na súa integridade, cunha fase de escuridade completa de 41 segundos.

O rexedor pon en valor tanto o elevado número de visitantes como o comportamento cívico da veciñanza e o traballo dos diferentes servizos municipais, que permitiron que a xornada transcorrese con total normalidade. "Quero felicitar a todos os monfortinos e monfortinas porque onte vivimos unha xornada histórica para a nosa cidade. Monforte foi un dos lugares privilexiados para contemplar o eclipse solar total e foron moitas as persoas que escolleron a nosa cidade para desfrutar deste fenómeno único", sinala o alcalde.

A cidade converteuse nun dos enclaves preferidos para presenciar o fenómeno, atraendo tanto a curiosos como a afeccionados á fotografía astronómica. Entre os visitantes houbo persoas chegadas de distintos lugares e mesmo desde Houston, en Estados Unidos, que planificaran a súa viaxe con meses de antelación para poder vivir este momento.

Desde o Concello recomendáranse tres puntos principais para a observación: o monte de San Vicente, o Polígono Industrial do Reboredo e o Porto Seco. A estes espazos sumáronse outros lugares escollidos libremente polos visitantes, como o Marroxo, onde tamén se rexistrou unha importante concentración de persoas.

O alcalde subliña que esta importante afluencia confirma o interese que espertou Monforte como punto de observación dun fenómeno astronómico desta magnitude, e considera que a xornada serviu tamén para proxectar a cidade como destino turístico.

Prevendo a chegada masiva de persoas e vehículos, a Policía Local puxo en marcha un dispositivo especial de tráfico, con medidas concretas nos accesos ao conxunto monumental de San Vicente, co obxectivo de facilitar a mobilidade e garantir a seguridade.

"Foi unha xornada con milleiros de persoas na cidade e cun tráfico intenso, como era previsible, pero todo se desenvolveu con normalidade. O dispositivo especial que preparamos, coordinado pola Policía Local, especialmente nos accesos a San Vicente, funcionou correctamente e non se produciu ningunha incidencia", destaca o alcalde, quen agradece o traballo dos efectivos da Policía Local e do conxunto dos servizos municipais e de emerxencias que participaron no dispositivo, así como a colaboración da cidadanía.

José Tomé lembra ademais que esta xornada histórica coincidiu coas Festas Patronais de Monforte, o que engadiu un carácter aínda máis especial a estes días para a cidade. "Agora queda seguir desfrutando das festas e das actividades e concertos do amplo programa que organizamos desde o Concello", conclúe.

0.13256001472473