Monforte de Lemos prepárase para vivir o eclipse solar total do 12 de agosto cun dispositivo especial de tráfico

Monforte de Lemos vivirá este mércores 12 de agosto un dos fenómenos astronómicos máis agardados dos últimos anos: un eclipse solar total que poderá observarse na súa plenitude desde o municipio, situado dentro da franxa de totalidade. O Concello anuncia un dispositivo especial de tráfico para garantir a seguridade e a mobilidade ante a gran afluencia de público que se agarda.
Segundo os cálculos facilitados polo Consistorio, o eclipse comezará a percibirse de forma parcial ás 19.32.32 horas. A fase de totalidade, o momento en que o ceo quedará completamente escuro, arrincará ás 20.29.12 horas e prolongarase ata as 20.29.53 horas, é dicir, 41 segundos de escuridade total. O fenómeno rematará ás 21.22.53 horas.
O alcalde de Monforte, José Tomé, subliña que o municipio atópase "nunha das franxas privilexiadas" para presenciar o eclipse, o que converte a cidade nun dos mellores lugares de toda España para gozar deste espectáculo natural, moi agardado tanto por afeccionados á astronomía como por visitantes chegados doutros lugares.
O Consistorio sinala tres espazos como os máis axeitados para seguir o eclipse: a contorna do conxunto monumental de San Vicente, o Polígono Industrial do Reboredo e o Porto Seco. Nestes dous últimos non se aplicarán restricións de tráfico específicas, máis alá dun seguimento reforzado por parte da Policía Local en función da afluencia de vehículos.
Onde si se aplicarán medidas especiais é no acceso ao conxunto monumental de San Vicente, o punto onde se prevé maior concentración de persoas. Entre as principais novidades:
- Suprimirase por completo o estacionamento en todo o tramo de subida entre o Campo da Virxe e a Praza de Luis de Góngora y Argote. O aparcamento na propia praza mantense sen cambios.
- A partir das 18.00 horas, as rúas Real e Santo Domingo pasarán a funcionar en sentido único: subida por Real e baixada por Santo Domingo, quedando prohibida a circulación ascendente por esta última desde a rúa Ricardo Quiroga e a Praza de España.
- Desde esa mesma hora e ata a fin do evento, prohibirase o acceso rodado entre o Campo da Virxe e a Praza de Luis de Góngora y Argote, agás para as persoas aloxadas no Parador, taxis e vehículos de servizos públicos oficiais.
O Concello precisa que estas medidas son as previstas inicialmente e poderán adiantarse ou modificarse en función de como evolucione a afluencia de vehículos e persoas durante a xornada.
Desde o Consistorio pídese á cidadanía que planifique con antelación os seus desprazamentos, utilice itinerarios alternativos e respecte en todo momento a sinalización e as indicacións dos axentes encargados do dispositivo. Así mesmo, o alcalde anima a gozar do eclipse "con responsabilidade", lembrando a importancia de non mirar directamente ao sol sen protección ocular homologada.