Monforte de Lemos garda un minuto de reflexión con 50 cadeiras baleiras en lembranza das vítimas da violencia machista

Monforte de Lemos conmemorou este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha concentración multitudinaria na Praza do Concello. O acto, celebrado ás 12.00 horas, serviu para render homenaxe ás 47 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España no que vai de ano, así como aos 3 menores vítimas da violencia vicaria.
A cita reuniu a representantes municipais, persoal do Concello, docentes e alumnado dos centros educativos da localidade, ademais de numeroso público. Leuse un manifesto no que se reiterou o rexeitamento frontal a calquera forma de violencia contra as mulleres, subliñando que estas mortes non poden quedar reducidas a simples cifras, xa que detrás de cada vítima hai unha vida e un futuro truncados. O texto insistiu en que a violencia machista non é un asunto privado, senón unha manifestación da desigualdade estrutural entre homes e mulleres e unha vulneración dos dereitos humanos, sinalando ademais que non cabe a neutralidade nin mirar cara outro lado ante este tipo de agresións.
Tras a lectura, desenvolveuse a performance 'Cadeiras Baleiras', na que participou o alumnado de sexto curso de Primaria de varios colexios da cidade. A escena estivo formada por 50 cadeiras baleiras —47 grandes e 3 pequenas— colocadas fronte ás escaleiras da Casa Consistorial, cada unha representando unha ausencia inxusta. Os menores leron mensaxes reivindicando unha sociedade baseada no respecto e na igualdade, e destacaron o papel da educación, tanto nas aulas como nos fogares e nas redes sociais, para previr este tipo de violencia.
Ao rematar, repartiuse material divulgativo co lema da campaña impulsada polo Concello, 'Monforte en negro contra as violencias', que arrincou o pasado 9 de novembro con obradoiros de prevención nos centros escolares, un espectáculo de maxia e teatro, e un curso de defensa persoal. Tamén se instalaron pancartas conmemorativas en edificios municipais e un vinilo no bus urbano. Como novidade este ano, colocáronse tótems informativos permanentes sobre os recursos de axuda dispoñibles na Casa Consistorial, na Biblioteca Municipal e no Complexo Deportivo da Pinguela.
A programación continúa este xoves, 26 de novembro, cun novo curso gratuíto de defensa persoal feminina no Centro Cívico, con dúas quendas (de 09.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas), con prazas limitadas a inscribir no Centro de Información á Muller. Esa mesma tarde, ás 20.15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a obra de teatro 'A cámara escura', da compañía Vórtice Escénico, centrada na realidade das vítimas do ciberacoso.