Monforte de Lemos corta o tráfico no Campo da Virxe e na rúa Santo Domingo por unha rodaxe cinematográfica

O Concello de Monforte de Lemos anunciou restricións de tráfico para este mércores, 21 de outubro, na rúa Santo Domingo e no tramo situado entre o Campo da Virxe e a Porta da Alcazaba. O motivo é a rodaxe dunha produción cinematográfica que se desenvolverá na Igrexa de Santa María da Régoa e na contorna do templo.
Os cortes permanecerán sinalizados e manteranse activos entre as 06.00 e as 21.00 horas. Durante ese tempo reservaranse pasos específicos tanto para os veciños da Falagueira e da rúa Santo Domingo como para as familias do colexio Torre de Lemos, nos horarios de entrada e saída do alumnado.
O tramo comprendido entre o Campo da Virxe e a Porta da Alcazaba quedará pechado ao tráfico ordinario, xa que ese espazo se destinará ao estacionamento dos camións e vehículos necesarios para a rodaxe. Tamén se verá afectada a circulación na rúa Santo Domingo.
Acceso ao colexio Torre de Lemos
Para non afectar a actividade escolar, permitirase de forma excepcional o paso de vehículos durante os momentos de entrada e saída do alumnado, en franxas de aproximadamente unha hora cada unha, axustadas ás necesidades do centro. En concreto, a circulación estará habilitada de 08.15 a 09.15 horas pola mañá e de 13.45 a 16.00 horas ao rematar as clases.
Neses intervalos habilitarase un itinerario que permitirá entrar por Santo Domingo, baixar xunto ao adro da igrexa para deixar ou recoller aos menores, e saír pola Costa da Pena. Unha vez concluídos eses períodos, o acceso quedará pechado ao tráfico durante o resto da xornada mentres continúe a rodaxe.
Veciños da Falagueira e Santo Domingo
Os veciños da Falagueira poderán saír da zona a través da Porta da Alcazaba, descendendo despois en dirección á rúa Santo Domingo.