Monforte de Lemos conmemora o Día Mundial contra o Cancro de Mama cun acto reivindicativo na rúa Cardeal

RibeiraSacraXa
A Torre da Homenaxe do conxunto de San Vicente iluminarase de rosa esta noite como xesto de apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade
Día cancro de mama Monforte
19 Oct 2026

Monforte de Lemos acolleu esta mañá de luns os actos organizados pola delegación local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro. A cita, desenvolvida na rúa Cardeal baixo o lema "Tomámolo a peito", contou coa presenza de representantes do Concello, que se sumaron ás 11.00 horas ao acto floral e á lectura do manifesto conmemorativo.

Á convocatoria acudiron, ademais do rexedor municipal, varios concelleiros do equipo de goberno con responsabilidades en áreas como obras e medio rural, deportes, igualdade e consumo, e medio ambiente, xunto a outros membros da corporación.

Durante toda a xornada, voluntarios e representantes da AECC informaron aos veciños sobre o labor da asociación e animaron á poboación a colaborar mediante a compra dunha planta, cuxa recadación se destina á loita contra esta enfermidade.

Esta efeméride ten como obxectivo sensibilizar á sociedade, promover o coñecemento da enfermidade e dar visibilidade a quen a padece. O manifesto lido durante o acto subliña a importancia de afrontar con determinación unha patoloxía que supón un punto de inflexión na vida das mulleres diagnosticadas.

A Torre da Homenaxe, iluminada de rosa

Como mostra de apoio ás persoas afectadas, o Concello de Monforte iluminará esta noite de cor rosa a Torre da Homenaxe do conxunto monumental de San Vicente. Con esta iniciativa preténdese concienciar sobre a relevancia da investigación e a detección precoz deste tipo de tumor, o máis frecuente entre as mulleres.

O Concello mantén ademais unha colaboración estable coa AECC en Monforte, á que cede tres locais municipais desde onde a asociación atende a pacientes e familiares. A corporación tamén participa na organización da Carreira contra o Cancro, que ten lugar cada mes de setembro na localidade.

0.1453378200531