Monforte de Lemos celebrará o 13 de setembro a V Carreira e Andaina contra o Cancro

Monforte de Lemos acollerá o vindeiro domingo 13 de setembro, ás 12.00 horas, a quinta edición da Carreira e Andaina 'Monforte en Marcha contra o Cancro', organizada pola delegación de Lugo da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). O evento presentouse esta mañá coa participación do Concello de Monforte de Lemos, que colabora en distintos aspectos da súa organización.
A proba, de carácter solidario, transcorrerá ao longo de 5 quilómetros polo centro urbano da cidade, con saída e chegada na Praza da Compañía.
Segundo se explicou durante a presentación, o Concello participa na coordinación do percorrido a través das áreas de Deportes e Policía Local, ademais de poñer a disposición da organización os medios necesarios para o desenvolvemento da actividade. Durante a xornada, a Policía Local encargarase da regulación e vixilancia do tráfico, así como dos cortes de vías necesarios para garantir a seguridade das persoas participantes. Así mesmo, colocaranse os valados precisos para delimitar o circuíto.
O dispositivo municipal contará ademais con servizo de ambulancia e efectivos de Protección Civil.
Dende a organización púxose en valor a colaboración estreita e continuada entre o Concello e a Asociación, que se estende tamén a outras iniciativas que a entidade desenvolve ao longo do ano na cidade. Entre elas, destaca a cesión de tres locais municipais dende os que se atende a persoas enfermas e ás súas familias.
Actividade física e concienciación
A V edición desta marcha pretende fomentar a práctica de actividade física como parte dun estilo de vida saudable e contribuír á concienciación social na loita contra o cancro. O recadado destinarase a mellorar a vida das persoas con cancro e das súas familias, así como a impulsar a investigación oncolóxica, co obxectivo de contribuír a superar o 70 % de supervivencia no ano 2030.
A inscrición ten un custo de 10 euros, con camiseta incluída, e pode realizarse a través da páxina web da AECC ata o xoves 10 de setembro ás 23.59 horas. Tamén existe a opción de inscribirse presencialmente ata o 11 de setembro, de 11.00 a 13.00 horas, na sede local da asociación (Rúa Ricardo Quiroga, s/n, baixo local nº4). O sábado 12 de setembro poderá facerse tamén na rúa Cardeal, de 17.00 a 20.00 horas.
Quen desexe inscribirse o mesmo día da carreira poderá facelo nunha carpa habilitada na Explanada da Compañía, de 10.00 a 12.00 horas, ao mesmo prezo e con dereito a camiseta ata esgotar existencias. Para quen prefira colaborar sen participar na carreira, existe a opción do dorsal cero, unha inscrición solidaria coa aportación económica que cada persoa elixa.
A entrega de dorsais e camisetas realizarase o sábado 12 de setembro nun punto habilitado na rúa Cardeal, de 17.00 a 20.00 horas, e o propio domingo 13 de setembro na Praza da Compañía, de 10.00 a 12.00 horas.
Dende a organización animouse á cidadanía a participar de forma masiva nesta nova edición, como mostra de solidariedade e de compromiso da cidade coa loita contra o cancro.