Monforte de Lemos abre o prazo para solicitar posto no Mercado de Nadal da Praza de Abastos

RibeiraSacraXa
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 9 de decembro, cun máximo de 16 postos dispoñibles para o evento, que se celebrará os días 19 e 20 de decembro
mercado Nadal Monforte 2025
Imaxe de arquivo
18 Nov 2026

O Concello de Monforte de Lemos deu luz verde ás bases que rexerán a inscrición, admisión e selección dos participantes no Mercado de Nadal 2026, tras a súa aprobación en Xunta de Goberno. A cita terá lugar na Praza de Abastos durante a fin de semana do 19 e 20 de decembro.

As bases da convocatoria publicáronse na páxina web municipal, polo que o prazo para presentar as solicitudes queda aberto e estenderase ata o vindeiro 9 de decembro. As persoas interesadas poden entregar o modelo normalizado no Rexistro Xeral do Concello, situado no Campo de San Antonio, a través da sede electrónica, ou ben por correo electrónico no enderezo habilitado para tal fin.

O rexedor municipal, José Tomé Roca, destacou que esta iniciativa busca “fomentar as compras propias das festas navideñas nas tendas da nosa localidade, apoiando así o noso comercio de proximidade”. Segundo explicou, o mercado complementarase con diversas propostas culturais e musicais pensadas para o goce de todos os públicos, na liña do que se vén facendo en anos anteriores, xerando así un ambiente festivo na contorna da praza. O programa detallado destas actividades paralelas darase a coñecer proximamente.

Un máximo de 16 postos

A convocatoria contempla un total de 16 postos de venda como máximo, que estarán dispoñibles os dous días do evento. De acordo coas bases aprobadas, poderán optar a participar aqueles profesionais legalmente constituídos que poidan acreditar unha actividade económica vinculada á temática navideña, o que abre a porta a artesáns, produtores e comerciantes que ofrezan artigos propios destas datas, como agasallos, xoguetes, complementos ou produtos de alimentación, entre outras opcións.

No que respecta ao custo, cada posto terá un prezo de 6 euros por metro cadrado e día, que deberá aboarse mediante un documento de autoliquidación unha vez se confirme a admisión do solicitante. Este documento poderase recoller nas dependencias municipais ou solicitalo por correo postal ou electrónico.

As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación requirida, entre a que se inclúe o modelo de solicitude cumprimentado, unha copia do DNI do solicitante ou do NIF da empresa, a alta no Imposto de Actividades Económicas, o último recibo da cota de autónomos ou do réxime correspondente da Seguridade Social, ademais dunha memoria explicativa do negocio xunto con fotografías recentes dos produtos que se pretenden comercializar.

As bases completas desta convocatoria poden consultarse a través da páxina web do Concello de Monforte de Lemos.

0.15866994857788