Monforte convida ao alumnado de 2º de Primaria a debuxar unha cidade máis sostible

O Concello de Monforte de Lemos puxo en marcha unha nova iniciativa para achegar a reciclaxe e a compostaxe á infancia a través da creatividade. Trátase do concurso de debuxo infantil ‘Os Bolechas reciclan en Monforte’, no que poderá participar o alumnado de 2º de Educación Primaria dos centros educativos da cidade.
A proposta dá continuidade ao traballo realizado durante o pasado curso coa campaña municipal ‘Os Bolechas e os Composteiros de Monforte’, que emprega estas personaxes para explicar ás nenas e nenos a importancia de separar correctamente os residuos e adoptar hábitos máis responsables no día a día.
Os debuxos deberán estar relacionados coa temática ‘Os Bolechas reciclan en Monforte’ e poderán representar escenas cotiás vinculadas á separación dos residuos, ao uso dos colectores, á compostaxe, á reutilización de materiais ou ao coidado do medio ambiente, tomando como referencia os personaxes da campaña municipal.
Cada participante poderá presentar un único traballo, en formato DIN A4 e empregando técnica libre. Poderanse utilizar lapis de cores, ceras, rotuladores, acuarelas, collage con materiais reciclados ou calquera outra técnica artística. Os debuxos deberán ser orixinais e inéditos.
A convocatoria está aberta ás nenas e nenos matriculados en 2º de Primaria durante o curso 2026-2027 nos centros de Educación Primaria de Monforte de Lemos. No reverso de cada traballo deberán figurar o nome e apelidos do participante, a súa idade e o centro educativo.
Os debuxos entregaranse na Casa do Concello a través dos centros educativos colaboradores. O prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata o 20 de novembro.
O concurso contará con tres premios, que consistirán en lotes de material artístico e educativo, acompañados dos correspondentes diplomas acreditativos. A entrega terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Monforte de Lemos.
Ademais, os traballos presentados poderán formar parte de exposicións en espazos municipais e ser difundidos a través dos medios do Concello dentro da campaña ‘Os Bolechas e os Composteiros de Monforte’. Nestes casos indicarase sempre a autoría dos debuxos.
Con esta convocatoria, o Concello busca combinar a expresión artística coa educación ambiental e achegar ao alumnado conceptos relacionados coa reciclaxe e a compostaxe dun xeito participativo, favorecendo a incorporación de hábitos responsables na vida cotiá.