Monforte continúa a poñer en valor o talento musical local con novos concertos nas rúas da cidade

RibeiraSacraXa
A Praza da Compañía acolleu as actuacións de Galga Blues Band e Bella Chaos, mentres Os Xograres de Lemos ofreceron un concerto de música tradicional na Praza de España
bella-chaos-ciclo-grupos-monfortinos
21 Aug 2026

A Praza da Compañía de Monforte acolleu este xoves, 21 de agosto, dous novos concertos do V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos, unha iniciativa do Concello de Monforte integrada no Programa do Verán Cultural e que ten como obxectivo poñer en valor o talento musical local e achegar a música en directo a diferentes espazos da cidade.

Despois das actuacións de Segunda Parte e Rockin’KB na Praza de España o martes 18 de agosto e de Nectarine Soul na Praza da Estación o mércores 19, o ciclo trasladouse este xoves á Praza da Compañía, onde actuaron Galga Blues Band e Bella Chaos.

O alcalde, José Tomé, asistiu ás tres xornadas de concertos acompañado por outros membros do Equipo de Goberno e destacou a finalidade desta programación, que busca dar visibilidade e proxección ás bandas de música local e ofrecerlles un espazo no que presentar o seu traballo ante o público.

“Queremos que os grupos monfortinos sexan os protagonistas e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e desfrutar da música que se fai na nosa propia cidade”, sinalou o rexedor.

Deste xeito, o ciclo funciona como un punto de encontro entre os músicos locais e a veciñanza, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade cultural de Monforte.

NOVAS CITAS CARA A PRÓXIMA SEMANA

Os concertos regresarán a próxima semana con tres novas citas en diferentes espazos da cidade. O martes 25 de agosto, ás 23.00 horas, a Praza da Estación acollerá a actuación de Movilla y Los Irrepetibles.

O mércores 26 de agosto, a Praza da Compañía será escenario dos concertos de Deuce, ás 22.30 horas, e Los Jinetes del Trópico, ás 00.00 horas.

Finalmente, o xoves 27 de agosto, a programación trasladarase á Praza de España, onde actuarán 7 Rojo, ás 22.30 horas, e El Mundo de Sofía Band, ás 00.00 horas.

OS XOGRARES DE LEMOS ENCHEN A PRAZA DE ESPAÑA

A programación do Verán Cultural tamén levou este xoves á Praza de España o concerto de Os Xograres de Lemos. O alcalde, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, e pola concelleira de Consumo, Muller e Igualdade, Regina López, asistiu á actuación desta agrupación monfortina.

Os Xograres de Lemos ofreceron un repertorio de música tradicional no que as voces, a gaita, a percusión e o acordeón foron os protagonistas. A Praza de España reuniu numeroso público, que puido desfrutar tanto de cancións coñecidas da música tradicional como de composicións propias do grupo, que tiveron unha boa acollida.

Os integrantes de Os Xograres de Lemos destacaron a importancia de participar neste tipo de concertos organizados polo Concello, xa que supoñen unha oportunidade para dar a coñecer ante o público o traballo que desenvolven ao longo de todo o ano.

0.12782692909241