Monforte clausura a 20ª edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo

RibeiraSacraXa
A actividade reuniu a 105 participantes e forma parte do programa deportivo de verán do Concello, que oferta 360 prazas para favorecer a conciliación familiar
clausura-XX-edición-do-Campus-de-Fútbol-Cidade-de-Monforte
1 Aug 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e pola concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, presidiu na mañá do 31 de xullo o acto de clausura da vixésima edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte–R.C. Celta de Vigo, celebrado no campo municipal Luis Bodegas. Durante o acto entregáronse diplomas e agasallos aos nenos e nenas participantes nesta iniciativa deportiva.

O campus desenvolveuse entre os días 27 e 31 de xullo e reuniu a 105 participantes de entre 7 e 14 anos, distribuídos en seis grupos de traballo. A actividade está integrada dentro do programa deportivo de verán organizado polo Concello de Monforte, que inclúe tamén o campamento deportivo municipal, os cursos de tenis e os cursos de natación, cunha oferta global de 360 prazas dirixidas principalmente a nenos e nenas empadroados no municipio.

José Tomé destacou a consolidación desta programación estival, que ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares, ao tempo que promove hábitos saudables e a práctica deportiva entre a mocidade. O rexedor sinalou que estas actividades permiten aos participantes gozar do seu tempo libre mediante propostas deportivas, excursións, xogos e obradoiros adaptados ás diferentes idades.

Coincidindo coa clausura do campus de fútbol, tamén finalizou a segunda quenda do campamento deportivo de verán, na que participaron 83 rapaces e rapazas. O programa continuará o luns coa terceira e última quenda, que contará con 67 nenos e nenas. O campamento está estruturado en tres períodos, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto, cun horario de 10:00 a 14:00 horas de luns a venres.

As actividades dos campamentos municipais teñen un carácter lúdico e educativo, fomentando a autonomía persoal, a convivencia, a creatividade, o respecto polo medio ambiente e a práctica deportiva. Entre as propostas inclúense xogos predeportivos, actividades recreativas, obradoiros, excursións e actividades especiais de peche de cada quenda.

O programa deportivo de verán complétase cos cursos de tenis, organizados en tres quendas entre xullo e agosto para nenos e nenas nados entre 2015 e 2021, así como cos cursos de natación na piscina climatizada municipal, destinados tanto a público infantil como adulto. Todas estas actividades desenvólvense en diferentes instalacións municipais, entre elas o complexo deportivo de Pinguela, as pistas de atletismo, o campo Luis Bodegas e diversos espazos públicos da cidade.

0.14420914649963