Monforte celebrou o festival de fin de curso da Escola Municipal de Danza no Edificio Multiusos

O auditorio do Edificio Multiusos de Monforte acolleu este domingo o festival de fin de curso da Escola Municipal de Danza, nunha cita que reuniu alumnado, familias e público xeral nunha tarde dedicada ás artes escénicas.
No evento participaron as alumnas do centro, que presentaron coreografías traballadas ao longo do curso nas modalidades de ballet clásico e danza contemporánea, evidenciando tanto a evolución técnica como o desenvolvemento coreográfico adquirido durante a formación.
Como convidadas, interviron tamén alumnas da Escola de Danza Centro Coppelia de Ourense, que ampliaron o programa con exhibicións de distintas disciplinas como ballet, danza contemporánea, flamenco, danza oriental, bailes urbanos, Broadway e ritmos latinos, ofrecendo unha proposta variada e dinámica.